Sábado, 3 Maio de 2025

Conmemórase o Centenario da Biblioteca Circulante da Pro-Monte na Guarda

Un relatorio de J.Miguel Villa no Centro Cultural o vindeiro 18 de xuño dará a coñecer os pormenores desta institución

En xuño de 1921, nove anos despois da súa fundación, a Sociedade Pro-Monte Santa Tecla (1912-1979) creará a primeira biblioteca pública da Guarda, con sede no local do museo arqueolóxico que inaugurara en 1917 no centro da vila.

A Pro-Monte prestaba así un servizo máis á sociedade guardesa da época poñendo ao alcance do público en xeral a lectura de diferentes obras, moitas delas de difícil acceso para a inmensa maioría da xente.

Cen anos despois daquela iniciativa, compre lembrar este feito, dándoo a coñecer entre os veciños e salientando o firme propósito da Sociedade Promonte pola divulgación da cultura na vila da Guarda. Será da man do historiador J. Miguel Villa que poderemos coñecer o vindeiro venres 18 de xuño, ás 20,30h. no Centro Cultural, un pouco mais desta institución, cun relatorio que afondará no nacemento e traxectoria  desta institución ata que no 1939 cesou o seu funcionamento.

Como en todos os eventos culturais, a actividade ten aforo limitado polo que é preciso anotarse previamente no Centro Cultural indicando nome completo, teléfono de contacto e acompañantes: [email protected].