Sábado, 3 Maio de 2025

Condello da Guarda e asociacións coordinan a axuda ás persoas refuxiadas da guerra de Ucraína

Traballadoras municipais e membros do equipo de goberno encabezados polo alcalde, Antonio Lomba, reuníronse na mañá do xoves 10 de marzo con representantes das asociacións da localidade: Cruz Vermella, San Vicente de Paul, Conrazones, Avelaíña e San Xerome.

O obxecto da reunión era o de poñer en común e coordinar a axuda aos refuxiados da guerra en Ucraína. Neste sentido o alcalde informou que os criterios que está seguindo o concello son os que marca a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) que traballa en coordinación co goberno de Central e coas ONGs que están sobre o terreo. Todos os presentes estiveron de acordo nas pautas que se veñen mantendo:

  • A prioridade máxima é coñecer e trasladar os recursos habitacionais para acollida de persoas refuxiadas que cheguen ao concello.
  • Tamén se están rexistrando outros recursos como tradutores, voluntariado, legalización de mascotas, etc.
  • Non se fará recollida de alimentos e material humanitario dende o concello e as asociacións debido a imposibilidade de asegurar o traslado e distribución deste material.
  • A forma de axuda máis eficiente é a axuda económica a través das ONGs que estean dando apoio sobre o terreo á poboación ucraína afectada para que merquen o que realmente precisen.

As asociacións puxeron os recursos dos que dispoñen a disposición, para coordinarse co concello e cubrir as necesidades que aparezan no momento en que cheguen refuxiados a nosa localidade. “Somos conscientes de que a crise humanitaria pode alongarse no tempo e que temos que estar preparados para cando se necesite a axuda,” declararon ao remate da reunión.

Dende Servizos Sociais do concello da Guarda estase a levar o rexistro dos recursos que institucións, asociacións e particulares están proporcionando, para poder activalos no momento que se necesiten.