Concerto de «Presumido» o sábado na Guarda

Este sábado día 4 de xaneiro ás 20:00 h a Praza do Reló acolle o Concerto do Grupo Presumido, enmarcado na Programación de Nadal 2019/20 do Concello da Guarda. En caso de choiva, como xa é habitual, o concerto trasladarase ao Centro Cultural con entrada gratuíta ata completar o aforo.

O grupo ‘Presumido’ está a piques de comezar a súa xira de presentación de Cuatro Estaciones, segundo LP de Presumido. Un show que cun rango de frecuencias emocionais moi amplo, no cal o pop, a electrónica, a escenografía e a innovación tecnolóxica, farán as delicias dos amantes da música coidada ao detalle.

‘Presumido’ é unha ponte entre o pasado, presente e futuro do electropop, unha proposta formada por Tarci Ávila e Nacho Dafonte que busca explorar novos territorios musicais do pop en español na súa vertente máis electrónica.

As súas influencias son todas internacionais (James Blake, Foster The People, Taylor Swift, Bon Iver, Apparat…) salvo unha, Tino Casal, a quen admiran e reivindican como máximo expoñente español do pop electrónico.

Definitivamente, atoparon o seu estilo e o seu lugar na música.

A Guarda