Martes, 12 Novembro de 2024

Concello da Guarda e Érguete Baixo Miño, da man na prevención de condutas aditivas

Na mañá do pasado martes 26 de marzo o Concello da Guarda acolleu unha xuntanza, solicitada polo alcalde, Antonio Lomba, a que asistiron representantes da asociación Érguete Baixo Miño; a concelleira de asuntos sociais, Tere Vicente, ademais dunha traballadora social e a educadora familiar do concello da Guarda. Tratábase de coñecer o punto de vista dos servizos sociais do Concello e da asociación Érguete Baixo Miño, respecto da posible causa do incremento de roubos que se ten producido durante os últimos días no comercio local.

Cómpre salientar que existen indicios de que, os presuntos responsables destes actos delitivos, están relacionados co mundo das drogas. Os asistentes a reunión coincidiron que detrás dos incidentes ilícitos están as vítimas que sofren o atentado contra a súa propiedade, pero tamén hai que ter en conta que os presuntos delincuentes son persoas enfermas con graves problemas de dependencia e que as súas familias tamén son vítimas desta situación.

Por parte de Érguete valoraron como imprescindible a colaboración dos xuíces para poder diminuír o número de delitos e a situación de alerta cidadá. Considerando ademais que, nalgunhas ocasións, a prisión preventiva dos reincidentes acaba exercendo un efecto positivo na súa saúde.

Todos os presentes concluíron que cara ó futuro é importante que os servizos sociais, Érguete e toda sociedade, traballen no eido da prevención. Só así se conseguirá combater o problema das drogas e minimizar unha das lacras máis importantes que sufre a nosa sociedade.