Sábado, 3 Maio de 2025

As praias de Bandeira Azul da Guarda contan xa con novo material para dar “resposta eficaz” a calquera posible incidente

O servizo de socorrismo das praias de Area Grande e O Muíño conta xa con novo material e equipamento de cara a dar unha resposta, o máis rápida posible, a calquera incidencia que se poida presentar en calquera destes dous areais guardeses.

Fende xullo a setembro, Area Grande e o Muíño contan con servizo de socorrismo e, durante estes meses, foron recibindo o equipamento previsto para esta tempada que debido a situación sanitaria foise atrasando.

Entre o material recibido, destacan as táboas de rescate que os e as socorristas poden empregan para facer vixilancia activa, como achegarse ata os bañistas para dar recomendacións e, inclusive, ante unha actuación de rescate.

Amais, a pasada semana recibíronse os desfibriladores automáticos, un equipamento tamén moi esperado para mellorar a atención, e que reafirman o compromiso de que o servizo conte cos medios adecuados para a atención das posibles incidencias que podan xurdir nestas dúas praias de gran afluencia.

A praia do Muíño é a praia accesible do concello polo que, ademais de pasarelas e aseos adaptados, conta dende hai anos cunha cadeira anfibia para facilitar o baño ás persoas con discapacidade física. Este verán adquiriuse unha nova cadeira anfibia máis cómoda e práctica para os usuarios que a solicitan cada ano.