Martes, 13 Maio de 2025

Arranca un novo obradoiro de emprego na Guarda

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, destacou que desde o Concello seguirase apostando por inverter esforzos e fondos municipais para desenvolver todas aquelas accións formativas que, coma neste caso, podan brindar aos guardeses oportunidades de mellorar as súas posibilidades de inserción laboral, sobre todo naqueles sectores nos que poda existir unha alta demanda de profesionais.

Pola súa parte o Delegado territorial, Luís López, puxo de manifesto a aposta polo emprego da Xunta e agradeceu aos/ás participantes a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado e amosouse convencido de que aproveitarán este ano completo ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro profesional.

A Concelleira de Formación e Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez, destacou que o proxecto de obra que se levará a cabo no Obradoiro está en liña coas actuacións de posta en valor do Camiño Portugués da Costa que está levando a cabo o Concello, xa que  permitirá desenvolver melloras en varios puntos do noso Camiño e polo tanto embelecer aínda máis o noso tramo. Estes/as alumnos e alumnas, xunto cos docentes que os/as acompañarán, terán a oportunidade de deixar a súa pegada e contribuír a que a peregrinaxe  a Santiago pola costa resulte aínda máis atractiva do que é actualmente.

O obradoiro de emprego “Manuel B. Portela VIII” contará coas especialidades de Albanelería e Forestal-Xardinaría, en cada unha das cales se formará a un grupo de 10 alumnos/as, obtendo ao remate do Obradoiro tres certificados de profesionalidade por cada unha das especialidades.   Esta iniciativa conta cun investimento da Xunta de Galicia que ascende a 504.000 euros, así como con financiación municipal.