Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Aprobado o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais na Guarda

Aprobado inicialmente por unanimidade dos grupos políticos na sesión plenaria do venres 26 de marzo, foi aprobado definitivamente no pleno do pasado venres día 1 de outubro por unanimidade

O Concello da Guarda acordou a súa adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa de incendios forestal, recibindo a principios do mes de febreiro o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.

Unha vez sometido a aprobación provisional na sesión plenaria do pasado 26 de marzo, e despois de pasar o prazo de exposición pública e audiencia dos interesados, examinadas as consultas e incorporadas as alegacións ou suxerencias que se estimaron pertinentes levouse a votación dos grupos políticos na sesión plenaria do venres día 1 de outubro, sendo aprobado definitivamente por unanimidade.

O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais elabórase, en cumprimento do establecido na Lei 3/2007, co obxectivo de definir a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa, formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas e garantir o control e a eliminación  total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas.

O fin principal é o de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas, para iso é necesario  ter as franxas definidas e poder requirir a súa limpeza aos  propietarios. Os titulares das parcelas incluídas nesta rede de faixas secundarias, localizadas arredor dos núcleos de poboación, vivendas illadas ou edificacións están obrigados a xestionar a biomasa forestal. 

A biomasa en ditas franxas deberá estar xestionada antes da finalización do mes de maio de cada ano, é dicir, sen eucaliptos, acacias, piñeiros, silvas, toxos, fentos, etc. favorecendo a descontinuidade vertical e horizontal destas. Dita xestión será de obrigatorio cumprimento polos propietarios destas parcelas e, no suposto de incumprimento, a administración pública competente, de oficio ou a solicitude de persoa interesada, enviará á persoa 

responsable unha comunicación no que se concederá un prazo de quince días para a execución da mesma, con apercibimento de execución subsidiaria con repercusión dos custos da xestión, e no seu caso, comiso das especies prohibidas, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador.