O Plan de Mobilidade, cando menos no referente a un treito da rúa Concepción Arenal foi, polo que a primeira vista parece e sen tempo a entrar noutras fonduras, o motivo da ruptura do pacto de goberno da Guarda e da renuncia do BNG ás súas concellerías. O que prevíase como un Goberno sólido tralas eleccións e a sinatura do pacto de goberno tiña, polo visto, visto un ‘Talón de Aquiles’, un punto de confrontación con nome de muller ilustre: Concepción Arenal.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, acompañado polos concelleiros e concelleiras do grupo municipal socialista, mantiña na mañá de hoxe un encontro cos medios de comunicación, na Casa dos Alonsos, para dar a coñecer a súa versión dos feitos que levaron á ruptura do pacto de Goberno asinado tan só catro meses antes.
Lamentaba o rexedor guardés que se tivera chegado a este punto xa que, afirmou “as discrepancias dun Goberno deben resolverse coas cesións de ambas partes e sempre arredor dunha mesa e non nos medios de comunicación”. Nese sentido aseguraba Lomba que, neste tema, “se de algo pecamos, foi de mesura intentando, durante moito tempo, resolver o problema”.
No encontro coa prensa, Antonio Lomba facía unha exposición clara e detallada dos feitos que se remontan ao pacto de Goberno, un pacto que non tiña máis obxectivo, sinalaba o Alcalde da Guarda “que cumprir o mandado dos electores guardeses de acadar un goberno de progreso forte con dez concelleiros e concelleiras”.
“
“Só fixen uso das miñas atribucións como alcalde, cando o BNG incumpriu co acordado”
De feito, reflexionaba Lomba, “antes de asinar o acordo houbo que negociar bastante o Plan de Mobilidade da rúa Concepción Arenal”. Finalmente, no acordo de goberno sinalaba que dita rúa “tería o tráfico que indica o Plan de Mobilidade”.
A partir dese momento, en que parecía que as diferencias estaban salvadas é cando comezan as sorpresas ao instalar o BNG, que tiña as competencias en Tráfico e Mobilidade “unhas sinalizacións de tráfico que non se correspondían co que tíñamos pactado”. Unha sinalización, explicou Antonio Lomba, “que prohibía a circulación de vehículos convertindo un treito importante da rúa en peonil”.
Para non ocasionar “nin gastos innecesarios nin máis confusión sobre o tema”, explicaba o alcalde da Guarda, solicítase á Deputación a paralización da sinalización definitiva ata que non se aclarase a situación. Posteriormente, o 2 de setembro, celébrase unha reunión na Deputación coa presenza de representantes dos grupos municipais socialista e nacionalista da Guarda, o deputado de Mobilidade da deputación e o equipo técnico que fixo o seguimento da obra e redactou o proxecto modificado de Concepción Arenal.
Nesa xuntanza de traballo, pedíuselle ao BNG por parte do deputado de Mobilidade, que reconsiderara a súa postura “avalando a proposta recollida no pacto de Goberno que cumpría cos criterios do Plan de Mobilidade. Dixeron que o ían considerar pero nunca se recibiu unha resposta”, asegurou Lomba.
“
“Actuei sempre en defensa dos intereses dos veciños e dos compromisos que adquirin con eles ao asinar o acordo de goberno”
O alcalde guardés insistiu, como o fixo ao longo de todo o encontro coa prensa, na súa intención de reconducir a situación convencido, dixo, “que discrepancias as hai en todas as familias e por suposto nos gobernos de coalición” pero, esa intención trúncase ao facelas públicas o BNG antes dun Pleno no que, segundo a explicación do rexedor local da Guarda, “o BNG amais de reafirmarse na súa postura sobre Concepción Arenal tamén fixo referencia á peonalización de outras rúas que non estaban contempladas nin no Plan de Mobilidade nin nos acordos de Goberno”.
Antonio Lomba non dubidou ao afirmar que “non é de recibo a falta de lealdade do BNG con este alcalde e coa institución que represento” e expresaba o seu convencemento de ter actuado, “en todo momento coa máxima responsabilidade e mesura, sempre aberto ao diálogo e sempre informando aos nosos socios de goberno, con antelación, dos pasos que fun dando”.
Finalmente, Antonio Lomba aclaraba que a folla de ruta que tiñan marcada “non variaba moito” porque detrás, asegurou, “tíñamos moito traballo feito e non houbo tempo de combinar os nosos proxectos cos do BNG para facer unha ruta de Goberno conxunta para estes catro anos”.
Queda agora un goberno de cinco concelleiros e concelleiras que teñen, por unha banda ao seu favor, catro anos de goberno ás costas e un fondo coñecemento da política municipal. En contra, unha oposición de 12 concelleiros e concelleiras –5 do BNG e 7 do PP– cos que o Goberno estará obrigado a chegar a acordos para sacar adiante temas importantes como os Orzamentos Municipais.