Desde o inicio da pandemia o Concello leva posto en marcha diversas actuacións para axudar a paliar os efectos económicos desta crise. Ademais da última liña de axudas da que se iniciou este mesmo luns o período de solicitude, tamén se atopan moitas outras medidas que tiveron como obxectivo axudar a paliar os efectos da COVID nas actividades económicas da vila.
O consistorio guardés sempre tivo claro que nesta extraordinaria situación debía situarse ao carón de toda a poboación, pero en especial daquelas persoas que traballan día a día non só para proporcionar servizos á cidadanía, senón tamén para xerar e manter postos de traballo na vila. Porque hai que ser conscientes de que as empresas que máis traballadores/as contratan son as tendas, restaurantes, bares e pequenos negocios, que paralelamente sofren con maior crueza as crises.
Por iso, unha vez máis o Concello aposta por utilizar os recursos municipais a través destas dúas últimas liñas de axuda, como forma de contribuír na recuperación e reactivación económica dos negocios locais.
O rango de gastos subvencionables nesta segunda convocatoria é amplo, e incluiría:
- A adquisición de material funxible ou a adopción de medidas hixiénico sanitarias tendentes a combater a propagación ou o contaxio polo COVID-19 (mascarillas, protección ocular anti-salpicaduras, batas resistentes a líquidos, guantes desbotables, pantallas protectoras, xel, mamparas, medidores de CO2, etc).
- A asistencia externa para labores de desinfección dos equipos, instalacións e persoas exclusivamente na resposta a situación provocada polo COVID-19.
- A asistencia dun servizo de prevención alleo para a avaliación dos postos de traballo que poidan ser poboación de risco fronte ó COVID-19, e/ou plan de continxencias.
- Gastos por licencias de uso de ferramentas ou aplicativos informáticos para o impulso ou desenvolvemento do teletraballo ou o comercio electrónico por internet vinculados a actividade empresarial, ou derivadas de medidas obrigatorias a implementar pola situación sanitaria.
- Gastos de arrendamento de bens inmobles (locais, establecementos e terreos).
- Gastos de cotas de autónomos e Seguridade Social.
As axudas poderán ser de ata 300€ por negocio e deberán solicitarse a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
As solicitudes presentaranse ben de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello da Guarda, ben de forma telemática a través da sede electrónica www.aguarda.sedelectronica.gal