Luns, 12 Maio de 2025

A Xunta implanta unha estrutura de retención de areas no sistema de saneamento da Guarda

As obras teñen por finalidade evitar a acumulación de depósitos de area que se producen con frecuencia no colector. A actuación foi adxudicada por preto de 50.000 euros e ten un prazo de execución de 12 semanas

A Xunta de Galicia vén de iniciar a execución dunha estrutura de retención de areas no sistema de saneamento do concello da Guarda. A depuradora recibe as augas residuais deste municipio e do Rosal a través de dous colectores. Un deles, procedente da zona de Salcidos, ten unha pendente mínima, que fomenta que se depositen áreas nel, o que dificulta a circulación das augas.

Co fin de resolver estes problemas, a Xunta de Galicia está a colaborar con eses concellos a través da execución dunha arqueta areeiro na súa rede de saneamento.

[su_image_carousel source=”media: 16047,16049,16050″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Trátase da construción dunha estrutura que permite reter esas areas nun punto concreto do colector procedente de Salcidos, que se preparará para que o Concello da Guarda poida recollelas e posteriormente xestionalas, como parte dos labores de conservación e mantemento que levan a cabo na rede de saneamento.

Esta actuación encádrase como unha fase máis dentro do marco de colaboración que a Xunta de Galicia está a levar a cabo con estes concellos en materia de saneamento, no que tamén se traballa nun proxecto máis ambicioso, consistente nunha mellora integral do colector de saneamento do Rosal.

A actuación foi adxudicada á empresa Demain Obras y Servicios S.L., por preto de 50.000 euros, e ten un prazo de execución de 12 semanas.