Mércores, 7 Maio de 2025

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda congratúlase do reforzo do Centro de Saúde

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda avalia de xeito positivo o reforzo do Centro de Saúde con 3 novos facultativos, co que pasarán a ter 6 dos 8 que corresponden. Levan moito tempo denunciando a situación inadmisíble do centro coa falta de cobertura de ausencias prolongadas, chegando a darse a situación de só ter 3 médicos de xornada ordinaria. As consecuencias apareceron en forma de deterioro na calidade asistencial, de desatención de milleiros de persoas, sobrecarga do persoal do centro e aumento na demora para conseguir unha cita.

Ao longo deste tempo, a poboación e os veciños da Guarda acompañaron e participaron nas mobilizacións, secundadas tamén polo propio persoal do centro. Enténdese que, sen esta acción colectiva, sen esta implicación da sociedade guardesa, esta noticia non sería posible. A presión, a organización e a mobilización popular non son só efectivas, senón que son a única vía para facer valer os dereitos.

A pesares das boas novas, as reivindicacións son claras e transparentes: cobertura plena das ausencias do centro até completar os 8 médicos de Atención Primaria, ambulancia medicalizada na zona e duplo equipo no PAC.

O PAC atende a poboación tamén de Oia e o Rosal. En Oia actualmente non hai médicos e no Rosal falta 1 dos 3. Estando no inicio do verán, período en que se triplica a poboación da Guarda e que coincide coas vacacións e descansos lexítimos do persoal que atende. Todos estes elementos configuran unha situación de risco para a poboación, que se verá atendida durante boa parte do mesmo só por 4 médicos, que non terá opción de atención en horario de PAC no caso de saída dese equipo a unha emerxencia, que pode verse na situación de non ter unha ambulancia disponíbel para unha situación extrema.

Por iso, dentro da satisfacción que produce a consecución dun logro como o que hoxe celébrase, a garda continua alta a fin de non retroceder un só paso, a fin de non dar por perdidos as reclamacións que lexitimamente mantemos.