20.2 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Guarda vibrou coa música de “A Guarda Mar de Blues”

    A Guarda vibrou coa música de “A Guarda Mar de Blues”

    A pasada fin de semana a Praza do Reló da Guarda foi o escenario para a primeira edición do festival musical “A Guarda Mar de Blues”, co cal A Guarda quixo ampliar o seu interese turístico cultural, ofrecendo deste xeito á súa veciñanza e visitantes a oportunidade de ver en directo artistas e bandas de calado internacional dentro do panorama musical do xénero blues.

    Deste xeito “A Guarda Mar de Blues” nace a partir desa idea, a de facer da Guarda non só un lugar con atractivo turístico e gastronómico, senón tamén cultural, ao redor da música en directo.

    Nesta primeira edición e debido á situación pandémica, foi un grupo moi reducido de persoas as que poideroan asistir ao evento e que gozaron en directo de artistas internacionais como Marcos Coll & Javier Turner, The Peter Storm & The Blues Society e  Jay Doe & The Blues Preachers.

    Na xornada do venres 23 de xullo subían ao escenario Marcos Coll & Javier Turnes e The Peter Storm & The Blues Society, encargados de abrir esta primeira edición dun festival que, sen dúbida, volverá a celebrarse en vindeiros anos e que se pretende consolidar.

    Xa na xornada do sábado 24 de xullo realizouse unha das actividades nas que os músicos máis conectaron cos asistentes, sobretodo cos máis cativos mediante unha masterclass con Marcos Coll, na que puideron aprender a usar unha armónica xunto cos músicos.

    Pola noite tocaba o turno de voltar ao escenario cos concertos de Marcos Coll & Javier Turnes e de Jay Doe & The Blues Preachers, encargados de por o broche final a unha primeira edición cargada de boas sensacións, emocións e desfrute por parte dos asistentes e músicos participantes.

    A Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, valorou moi positivamente esta primeira edición de “A Guarda Mar de Blues”, recoñecendo que “desfrutei moito estas dúas xornadas de blues” e facendo fincapé no compromiso das persoas que estaban detrás de que este evento chegase á Guarda, do seu compromiso e implicación co proxecto para que saíse ás mil maravillas, agradecendo aos diferentes servizos que colaboraron na planificación e no desenvolvemento neste “A Guarda Mar de Blues”, ao servizo de Cultura, Servizos municipais, Policía Local e GES, “fago extensivo o meu  agradecemento a Oscar e Alba de River Bucks e a todos os que estes días colaboraron neste evento”. Tamén agradeceu Magallanes aos músicos Marcos Coll e a Javier Turnes por “sacarnos tantas sorisas, aplausos e facernos desfrutar da boa música, estiveches magníficos”.

    Pola súa banda Rafa Álvarez, Concelleiro de Turismo, quixo por de manifesto que unha vez máis o éxito ven da man de complementar esforzos entre un colectivo cunha ampla experiencia na organización de eventos coma a Asociación River Bucks e unha institución coma o Concello da Guarda, xerando sinerxias que traen como resultado un festival en pequeno formato, limitado polas restricións covid, pero cunha excelente calidade musical e artística, que puxo no mapa a nosa vila no mundo do Blues e que, pretende dar continuidade, misturando este festival co Festival de Blues de Fisterra, a través do Camiño Portugués pola Costa.

    Óscar Martínez, representante da Asociación River Bucks, agradeceu a implicación do Concello da Guarda para que o festival vise a luz e que os veciños e visitantes puidesen gozar da calidade excepcional dos músicos e artistas convidados nun entorno privilexiado como e a Praza do Reló en “dúas noites para nós máxicas”. Tivo palabras de agradecemento tamén para os nenos e nenas que participaron na masterclass do sábado “con  só a vosa  presenza, o voso sorriso e a vosa ledicia o remate da masterclass, xa valeu a pena todo o esforzo realizado..” Rematou agardando que “A Guarda Mar de Blues” sexa un lugar de encontro onde vir e esquecerse dos problemas cotiás por uns días… longa vida ao “Mar de Blues”

    O evento foi totalmente gratuíto, organizado dende as concellerías de Cultura e Turismo do Concello da Guarda en colaboración con River Bucks Asociación Cultural , Cervezas Alhambra e Hohner Music.

    Sobre os artistas

    MARCOS COLL

    Un dos maiores representantes do BLUES nacional e internacional, Fundador xunto a Adrián Costa dos míticos Los Reyes del KO. Músico que colabora con infinidade de bandas gravando discos ou subindo con elas o escenario. Un domador de armónicas e representante da marca Hohner Music, que tocou xunto a lendas do BLUES como: Buddy  Miles, Mick Taylor Buddy Guy, ChuckBerry, Johnny Winter, Robert Cray, John Mayall, Solomon Burke, TheAnimals o los Fabulous Thunderbirds.

    JAVIER TURNES

    Músico que leva mais de vinte anos nos escenarios, principalmente a fronte da Bakin Blues Band, banda  compostelana que tocou xunto agrandes nomes do blues, soul e rhythm’and’blues como: BarbaraLynn, Bonney Fields, Greg Izor, Edu Bighands, Trudy Lynn, Marcos Coll ou Emilio Arsuaga. Tamén dirixe o festival internacional de blues “Fisterra Blues Experience” co cal o “A Guarda Mar De Blues” está irmanado.

    JAY DOE & THE BLUES PREACHERS

    Jay Doe é un veterán músico e estudioso do Blues que en 2018 tras anos de andanzas en solitario xúntase cos Blues Preachers, un compendio de experimentados músicos procedentes de bandas como: Dr. Hello, Cool Funeral, The Blues Moonshiners, Booty Sweet, Moon Cresta, The Bluesfellas, Monk BluesBand… “Jay Doe & The Blues Preachers” é puro blues, o cal sempre aderezan cunha dose de Rythm and blues, country e jazz.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.