Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda utiliza o remanente de tesourería para mellorar os servizos á cidadanía

O concello da Guarda celebrou nesta pasada semana un Plano Extraordinario de contido económico para aprobar créditos extraordinarios e suplementos de crédito procedentes do remanente de tesourería para acometer distintos investimentos de carácter urxente que obtiveron o apoio de toda a corporación, os principais investimentos os detallamos a continuación.

Recollida de lixo

O concello da Guarda conta cun servizo de recollida de lixo de xestión municipal, para seguir optimizando os medios dos que dispón este servizo era necesario proceder de xeito urxente a renovación do camión de lixo. Nestes momentos o servizo de recollida de lixo conta con dous camións (sen contar con outros vehículos que se utilizan na recollida de voluminosos ou noutras tarefas) debido as diferentes características das rúas por onde é necesario facer a recollida diaria. O camión de maior envergadura chegou ao final da súa vida útil, polo que era necesario proceder á adquisición dun novo vehículo. O orzamento previsto para esta inversión acada os 100.000 €.

Deportes

No ámbito deportivo o concello está pechando tres convenios coa Secretaría Xeral para o Deporte. Estes tres convenios requiren dunha achega municipal do 20 %. O primeiro destes convenios consiste na instalación dun videomarcador no pavillón municipal da Sangriña. No mesmo pavillón procederase á instalación dun sistema anticondensación para evitar un dos problemas máis graves que tiña o recinto deportivo. Por último, a cuberta do club de remo Robaleira sufriu no último ano un deterioro importante debido á climatoloxía, polo que é necesario acometer a renovación da cuberta e o pintado exterior das instalacións. A suma dos tres convenios supera o importe dos 147.000 €.

Porto

Ademais do anterior, no Porto están contempladas dúas actuacións, a primeira é a modificación dos contedores no inicio da rúa do porto para facilitar a recollida de lixo e mellorar o seu entorno para conseguir a separación física entre os contedores e a zona de terrazas. E debido ao incremento de vehículos que están utilizando a estrada entre o Porto da Guarda e a depuradora, o concello tomou a determinación de completar o pavimentado en adoquín no ancho de toda a estrada, esta obra ten un custo aproximado dos 77.000 €.

Axudas COVID

Ademais destes investimentos tamén se aprobou unha partida de 75.000 € para axudas COVID para os sectores afectados pola pandemia. Este acordo da cumprimento ao acordo plenario, adoptado hai unhas semanas, de adicar o 1% do orzamento municipal para este fin.