O Concello da Guarda vén de anunciar a suspensión de todos os eventos que tiñan previsto celebrarse no municipio, cando menos, ata o 12 de xullo. Entre os principais actos que non se celebrarán neste 2020 atópanse a festa das Alfombras Florais con motivo do Día do Señor, prevista para o 14 de xuño, e a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, na primeira fin de semana de xullo. A suspensión obedece á situación de emerxencia sanitaria que se está a vivir e dado que ámbalas dúas celebracións congregan a un importantísimo número de visitantes.
O estado de alarma que se vive dende o 14 de marzo e que, previsiblemente o día 26 de abril sexa ampliado ata o 10 de maio, fixo que o Goberno que preside Antonio Lomba puxera sobre a mesa todos os eventos culturais, lúdicos, deportivos e de carácter turístico que estaban previstos para estudar, con tempo, como lles afectaba esta situación. Nesa liña, os reponsables municipais mantiveron contactos con todas as asociacións e persoas implicadas na organización destes eventos, así como cos portavoces dos grupos políticos con representación municipal.
Nesas xuntanzas, o alcalde Antonio Lomba trasladoulles a intención de aprazar ou suspender os eventos dos vindeiros meses no concello da Guarda. Todos os implicados manifestaron a súa conformidade en canto a esta decisión, conscientes do esforzo e do tempo que leva organizalos, da imposibilidade de facelo nas actuais circunstancias, da incertidume sobre a obtención das autorizacións necesarias e as previsións da falta de participación, no caso de conseguir facelos.
Outros eventos, como é o caso do concerto de Heredeiros da Crus previsto para o 11 de xullo, serán trasladados a unha nova data e, neste caso concreto, barállase que podería realizarse a finais de verán dependendo de como evoluciones a actual situación.
Será esa evolución da emerxencia sanitaria e das directrices a seguir que marque o Goberno Central, as que servirán para tomar decisións sobre a celebración de eventos que, sen supoñer aglomeración de persoas, poidan ser referentes de ocio, entretemento e cultura para a cidadanía.
“Sabemos que da diminución de contactos entre as persoas depende o control desta pandemia –explica o alcalde Antonio Lomba–, e sabemos tamén que a desescalada producirase de forma progresiva. Todos e cada un de nós debemos colaborar para acabar coa pandemia o que permitirá recobrar a normalidade nas nosas vidas no menor tempo posible”.