Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda remata as obras de mellora da accesibilidade na baixada á praia de Fedorento e na contorna do Estadio Municipal

Esta semana remataron os traballos de mellora da accesibilidade na contorna do Estadio Municipal da Sangriña da Guarda e na baixada á Praia de Fedorento. As obras incluídas no compromiso do Concello da Guarda coa mellora da accesibilidade en diferentes puntos do municipio, contou cun investimento de 48.361,55 € con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

No frontal do Estadio Municipal da Sangriña procedeuse á retirada da beirarrúa existente que se atopaba xa moi deteriorada e executouse unha nova de formigón en color ocre.

Na baixada á praia de Fedorento, ademais da mellora da beirarrúa existente, que se atopaba xa moi deteriorada, realizouse tamén unha preinstalación para telecomunicacións e subministración eléctrica, así coma a mellora da recollida de augas pluviais.

Ata a zona das obras desprazáronse o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español para supervisar o remate das mesmas.