Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda reafirma o seu compromiso coa compostaxe iniciando o reparto de máis de 200 composteiros individuais

Realizaranse 5 charlas informativas para que os veciños da vila saiban como empregalos axeitadamente .

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, continúa traballando na mellora da compostaxe na vila, neste caso co reparto de máis de 200 composteiros individuais, que xa se están a repartir entre os veciños que realizaron a súa socilitude. Estes kits de compostaxe constan dun composteiro individual, aireadores e termómetros, mercados pola Concellería de Medio Ambiente a través dunha subvención do Servizo de Residuos da Xunta de Galicia.

Realizaranse un total de 5 charlas informativas no Centro Cultural entre o luns 29, martes 30 e mércores 31 de marzo, nas que a técnica de Medio Ambiente municipal é a encargada de ensinar aos veciños da vila como é o seu funcionamento, cunha breve formación e explicación da montaxe do composteiro. As persoas que se atopan en lista de espera serán chamadas para asistir a estas sesións formativas, que se realizan cun aforo limitado debido ás medidas sanitarias vixentes pola Covid-19.

As persoas que aínda non solicitaron o seu composteiro COIN, poden solicitar un de balde chamando 986 61 00 00 (Medio Ambiente) ou no enderezo electrónico [email protected]

Antonio Lomba, alcalde da vila, califica esta iniciativa como moi boa, posto que axuda a reducir de xeito importante a cantidade de lixo orgánico que remataría doutra forma nos contedores, a maiores de que os seus usuarios poden empregar o compost que se xere para aboar as súas fincas ou cultivos.

[su_image_carousel source=”media: 33522,33521,33520,33519″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Montserrat Magallanes, concelleira de Medio Ambiente, aproveitou a ocasión para animar a todos os veciños que aínda non fixeron a súa solicitude a que se inicien na compostaxe e que soliciten un composteiro individual para as súas vivendas, axudando deste xeito ao medio ambiente.

A adquisición destes composteiros realízase ao abeiro das axudas en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 durante os anos 2020 e 2021.