Domingo, 4 Maio de 2025

A Guarda promove o Proxecto Trega 2020+5 para recuperar e consolidar parte das excavacións antigas e facelas visibles

O Concello da Guarda promove o Proxecto Trega 2020+5 co que se pretende desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro de Santa Trega a través dunha actuación integral, de carácter conxunto e coordinado dos diferentes axentes sociais e entidades administrativas envoltas na conservación e promoción do monte.

O Proxecto Trega 2020+5 desenvólvese en torno a tres eixos fundamentais, recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930 e que hoxe se atopan abandonados, manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do castro, e crear contidos destinados á divulgación e ao desenvolvemento patrimonial.

O castro de Sta. Trega conta cunha longa historia de actividade arqueolóxica, escrita cos nomes da Sociedad Pro Monte, Ignacio Calvo ou Cayetano de Mergelina, entre outros.

[su_image_carousel source=”media: 29113,29114,29112″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

No marco do proxecto Trega 2020+5 proponse a reescavación de varios sectores do castro. A actuación arqueolóxica cunha metodoloxía arqueolóxica permitirá recuperar boa parte da información dos traballos antigos e afondar no seu coñecemento por medio da aplicación das novas tecnoloxías.

O proxecto Trega 2020+5 permitirá agora consolidar ao castro como un referente na aprendizaxe dos arqueólogos do futuro por medio dunha escola permanente de arqueoloxía na que cada verán 5 alumnos do máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC terán oportunidade de formarse como profesionais, levando a cabo prácticas de escavación, rexistro, topografía, flotación ou mostraxe.

Baixo a dirección científica de Brais Currás da EST-AP do CSIC, e nun proxecto de 5 anualidades, os traballos de recuperación das escavacións antigas do castro permitirán acceder a novos datos que aportarán un coñecemento máis fondo do asentamento.

O proxecto Trega 2020+5 conta co Concello da Guarda coma promotor e tamén coa colaboración do Padroado do Monte Santa Trega e as Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos