O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, vén de presentar o proxecto da nova Biblioteca Municipal, unha instalación cultural moderna e funcional que estará situada nos baixos do Centro Cultural e contará con dous espazos diferenciados para diferentes tipos de públicos e usos.
O proxecto posibilita a recuperación do entorno social e cultural, a través do mundo da lectura. A modificación das tres salas da planta baixa do edificio do centro cultural da Guarda consegue un espazo pensado para as actividades interactivas, protagonizado pola lectura e enfocado ao ocio. Un lugar onde pequenos e maiores son libres en movemento e forma. O certo é que o proxecto presentado desfaise do concepto preestablecido e abre paso á imaxinación.
Tal e como sinálase no proxecto presentado, “cámbiase o silencio destes espazos por o son dos sorrisos, a conversa e en definitiva da actividade en convivencia, non é unha aula de estudo, é un espazo vivo e activo”.
O proxecto divídese en dúas áreas, a zona infantil cun forte carácter imaxinativo capaz de captar a atención dos máis pequenos, ofrecendo un espazo onde a lectura e o xogo son un, e un espazo de lectura deseñado para o público xuvenil e adulto, confortable e informal. Espazos para ser vividos onde os libros son a principal alternativa de ocio, pero se mesturan nun lugar para a actividade e a interacción social.
A nova biblioteca da Guarda pasará a ser un espazo que se mostra na oferta cultural da zona como algo máis que un servizo de consulta ou recollida de libros, fálase dun punto de encontro para a poboación, un espazo de conexión, un servicio de eles e para eles.
A aula de estudio existente, manterase ante a alta demanda por parte do alumnado que prepara oposicións e exames e que emprega este espazo de xeito habitual, cun alto índice de uso nestes tempos de pandemia.
O proxecto da nova biblioteca conta xa con crédito orzamentario e atópase xa en inicio de contratación.