O Concello da Guarda aposta durante todo o ano pola Promoción da Igualdade entre mulleres e homes en todas as esferas da vida e pola visibilización da muller ao longo da historia, por esa razón, se busca darlle continuidade ao programa “Semente de Igualdade”, unha campaña na que se inclúen as accións polo Día Internacional da Muller con actuacións musicais, obradoiros e contos para crianzas, entre outras.
Despois das diferentes actividades realizadas ao longo do mes de marzo, o vindeiro xoves día 13 de abril, ás 20:30 h na Casa dos Alonso está prevista a presentación do libro Todo chega desde o Mar, de Santiago Ferragud (escritor e músico).
O autor estará acompañado por Beatriz Núñez, profesora de Debuxo e responsable do Departamento de Igualdade do IES A Sangriña.
Todo chega desde o mar (Medulia Editorial, 2022) supón a estrea de Santiago Ferragud como novelista.
Continuando coas actividades propostas, e dado o éxito obtido na 1ª edición de Historias de Mulleres Guardesas, este ano durante o mes de maio vaise levar a cabo a 2ª edición, coa finalidade de visibilizar e pór en valor o importante papel das mulleres guardesas. Realizaranse un total de dúas actividades, un roteiro, que terá lugar o venres, 5 de maio ás 20:30 h con saída dende a Praza do Reló e unha andaina, o domingo 7 de maio ás 10:30 h, con saída dende a Alameda da Guarda. É preciso inscrición previa no Departamento de Turismo do Concello da Guarda, a través do teléfono 986614546ou no enderezo [email protected].
As actividades programadas están subvencionadas pola Deputación de Pontevedra e polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.