Neste 2024 A Guarda quere festexar o Día das Letras Galegas, facendo unha festa en torno á lingua, destacando a súa riqueza e importancia como lingua viva e de creación, co obxectivo de amosar a riqueza das manifestacións culturais que se están a facer actualmente en galego, falando da nosa idiosincrasia e das nosas costumes. Por iso deseñou para o domingo 19 de maio unha xornada na Praza do Reló da Guarda, na que concentrar actividades lúdicas e festivas para tódolos públicos, gustos e idades.

A xornada abrirá ás 11.30 h pensando nas familias, coa apertura da zona de Xogos na que Brazolinda e OZOCO GZ, traerán as súas propostas orixinais de Xogos de mesa. A partir das 12.30 h chegará o momento musical, coa nota divertida e retranqueira de Blues do País, un grupo formado por Brais das Hortas e Iseo Agilda, que traducen e adaptan as clásicas composicións de Otis Redding, Etta James, B.B. King ou Eric Clapton, dunha forma moi propia.

Despois do merecido descanso para o xantar dominical, esta festa terá unha nova sesión de tarde coa presenza de Magín Blanco e o seu espectáculo Caderno de Cores e Cancións, un concerto participativo no que en compañía do músico Pablo Vidal, ás crianzas xogarán cos diferentes elementos das cancións: as melodías, as harmonías e a poética das rimas. E tras este concerto daremos paso ao prato forte da xornada, cunha proposta que quere fusionar a tradición oral e literaria co folclore tradicional. Os versos de Rosalía serán os encargados de dar fío a esta proposta guiada por María Faltri na narración, recitando e cantado; estará acompañada co grupo de baile tradicional guardés Vento Mareiro, quen interpretará varias pezas de baile e pandeireta. Esta proposta que busca ser o prato forte da nosa festa, quere convidar a tódolos amantes do folclore da Guarda e comarca a unirse no baile, pandeireta ou tamboril para entre tódolos asistentes facer unha foliada como broche fin de festa.