15.5 C
Pontevedra
Luns, 7 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Guarda nomeou fillo adoptivo e realizou unha homenaxe a Eliseo Alonso

    A Guarda nomeou fillo adoptivo e realizou unha homenaxe a Eliseo Alonso

    O Pleno nomeou a Eliseo Alonso coma Fillo Adoptivo do Concello da Guarda

    O pasado sábado día 27 de novembro de 2021 A Guarda realizou unha programación de actividades para homenaxear a Eliseo Alonso actividades que tiveron comezo cun Pleno Extraordinario no Salón de Plenos, onde se nomeou a Eliseo Alonso coma Fillo Adoptivo do Concello da Guarda.

    Neste pleno tan especial, emotivo e multitudinario, contouse con familiares, amigos,  achegados e personalidades do mundo da cultura que, recibiron unha copia do seu libro “Gamelas e Mariñeiros”, traducido ao galego por Ramón Quiroga e editado e impreso pola Deputación de Pontevedra.

    Os familiares de Eliseo Alonso: Carmen Rivas, Alicia Alonso Rivas e Enma Alonso, recibiron diferentes agasallos por parte da corporación municipal, coma unha gamela conmemorativa en bronce, un diploma, un enteiro postal filatélico e ramos de flores.

    Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, resaltou na súa intervención que “Coa súa visión de escritor e antropólogo Eliseo Alonso recorreu ás fontes vivas que máis información e máis antiga podían atesourar, e así, con formularios que quedaron curtos, lerias nas tabernas, na ribeira, nas casas, nas chabolas coas atadeiras, cos carpinteiros de ribeira, coas argaceiras, con todos e todas as que tiñan algo que contar e querían facelo, foi recollendo testemuños para evitar que caesen no esquecemento” e engadíu que“é unha honra para A Guarda e as súas xentes que dende hoxe o escritor e intelectual galego, Eliseo Alonso, natural de Goián, sexa para sempre e por dereito, un guardés máis.“

    De seguido procedeuse á inauguración da Exposición de Filatelia, contando coas intervencións de Marta Verde Rodríguez, Secretaria da Sociedade Numismática e Filatélica Guardesa; Enrique Pérez Martínez, Presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas e Antonio Lomba, Alcalde da Guarda. Esta exposición estará ata o vindeiro 9 de decembro en horario de visita de luns a venres de 11:00h a 13:00h e sábados, domingos e festivos en horario de 11:00h a 13:30h e de 16:00h a 19:00h.

    Ricardo Rodríguez foi o encargado de realizar a inauguración e explicacións dunha segunda exposición, titulada “Eliseo Alonso: Camiñando cara ao mar da Guarda”, no XXV cabodeano do seu pasamento, e que recolle, nunha serie de paneis e contidos, ademais dunha reseña biográfica, os eidos nos que Eliseo Alonso proxectou seu labor literario e xornalístico, tanto dende seu Goián natal, ata máis aló da nosa Terra, mar por medio. Queda deste xeito plasmada nesta exposición parte do seu legado como escritor, etnógrafo, fotógrafo, poeta e xornalista, grazas ao traballo realizado pola Comisión da Homenaxe a Eliseo Alonso.

    Estas exposicións estarán na Casa dos Alonso dende o sábado 27 de novembro ata o xoves día 9 de decembro, cun horario de visita de luns a venres de 11:00h a 13:00h e sábados, domingos e festivos en horario de 11:00h a 13:30h e de 16:00h a 19:00h.

    Finalizados os actos na Casa dos Alonso, os asistentes desprazáronse ata o Paseo Marítimo do Porto da Guarda onde tivo lugar a descuberta dunha escultura adicada a Eliseo Alonso, unha peza en pedra elaborada por Manuel Coia Piñeiro da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, un acto que contou coa presenza de Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra e que deixa neste simbólico espazo un lugar para a memoria e recordo de Eliseo Alonso. Os asistentes aproveitaron este momento para facer as fotografías xunto coa escultura e os familiares de Eliseo Alonso, pondo un emotivo punto final a esta programación de eventos da Homenaxe.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.