Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda leva a Pleno este venres a proposta de Alcaldía de aprobación do Plan polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES)

O pasado luns día 20 de outubro a empresa encargada de elaborar o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES) fixo a presentación deste proxecto, no que participaron os grupos políticos municipais, persoal municipal, así coma os propios cidadáns guardeses a través de diversas enquisas.

O equipo de Goberno fixo partícipes aos demais grupos políticos da corporación da redacción do plan para que fixesen as súas aportación e mostren o seu punto de vista. Non pode ser doutra maneira dado que o documento é para desenvolver políticas municipais ata 2030, ano límite para ter logrado unha redución dun 40 % de aforro nas emisións de CO2.

O equipo de Goberno escoitou as liñas que propoñía a empresa como liñas de traballo e trasladoulle a esta as que para el son liñas estratéxicas, ben porque na actualidade estea xa traballando nelas ou por que as considera fundamentais nas políticas municipais dunha administración que aspira a ser unha referencia na modernización.

Destas liñas estratéxicas o equpo de goberno asegurou “estar traballando, dende hai tempo, nalgunhas como o aforro en consumo de enerxía eléctrica” e lembra o executivo que preside Antonio Lomba que, na actualidade, “estamos coa licitación do cambio da iluminación pública por luminarias led e temos tamén proxectos enriba da mesa que se basean no aproveitamento da enerxía solar” e, na mesma liña, “temos tamén como meta cara ao 2030 actuar sobre a flota de vehículos municipais co obxectivo de ter todos os vehículos eléctricos”.

Non menos ambiciosos son os obxectivos que o Goberno guardés tense marcado no eido “da redución de residuos orgánicos e mellora na separación e reciclaxe de lixo e tamén consideramos como liña estratéxica a xestión da auga”. Neste aspecto concreto, o Goberno local salienta a necesidade “de acadar unha optimización dos recursos hídricos que consigan afrontar períodos de seca con subministro propio, de forma independente ao subministro de Tui”.

Por último, o equipo de goberno considera como liña estratéxica mellorar a eficiencia enerxética das edificacións, “neste caso hai unha pequena parte que corresponde a entidade local, coas dependencias municipais pero, hai outra parte que, corresponde ás vivendas privadas onde conseguir os obxectivos vai a depender de toda a cidadanía, pero que tamén neste ámbito, hai que traballar con campañas de concienciación e incluso coa adaptación de tributacións, se elo fora posible”.

O vindeiro venres día 27 de novembro levarase a Pleno a proposta de Alcaldía da aprobación do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (Paces).