Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda lanza un programa de mellora da cobertura de internet

O alcalde da Guarda aistiu a reunión que a Secretaria de Estado de Telecomunicacións, María González Veracruz, mantivo na Deputación de Pontevedra con alcaldes e alcaldesas da provincia para presentar os plans do Goberno de extensión de fibra óptica no territorio.

O goberno lanzou ata o momento dúas convocatorias do programa UNICO-Banda Ancha (2021 e 2022). O obxectivo deste programa e o de subvencionar a instalación de fibra ás empresas instaladoras para conseguir que o despregue da banda ancha chegue a toda a poboación independentemente de intereses e rendibilidade comercial.

O despregue licitado na convocatoria de 2022 adxudicado a empresa Avatel Telecom, contempla a instalación de fibra en máis de 400 vivendas cubrindo a totalidade das zonas brancas (zonas sen cobertura pública de fibra) detectadas. Neste despregue instalarase fibra, entre outras zonas: no Outeiro en Camposancos, en Fonte Quente, nos Outeiros, na Cruzada en Netos e na Gándara.

Para detectar vivendas sen cobertura de fibra que non estean previstas no actual despregue o concello habilitará un punto de información permanente. A información recompilada transmitirase á Secretaría do Estado de Telecomunicacións para que inclúa as vivendas sen servizo de fibra no plan de despregue de 2023.

O alcalde, Antonio Lomba, comentaba ao saír da reunión que “ o concello da Guarda, como xa fixo en anteriores proxectos de instalación de fibra, ponse a disposición da empresa instaladora da fibra e da cidadanía para facilitar todo o que sexa posible a extensión da rede. Dende o concello entendemos que, na actualidade, dispoñer de conexión a internet de banda ancha é un servizo básico para toda a poboación”.

Para máis información

Enlace ao mapa para consultar as zonas incluídas na convocatoria de 2022: https://n9.cl/vcxpl

Enlace á relación de proxectos aprobados UINICO-Banda Ancha 2022: https://n9.cl/ew6wf