Domingo, 4 Maio de 2025

A Guarda inicia as obras de mellora da rúa Calvario

O pasado mércores día 4 de novembro iniciáronse as obras de mellora da Rúa Calvario entre os números 48 e 73, traballos que contan cun orzamento total 121.951,87 € (IVE incluído) con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As obras teñen un prazo de execución duns 45 días, alternando o seu uso cando sexa posible, polo que o Concello pide a máxima comprensión por parte da veciñanza desta rúa.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o concelleiro de Vías e Servizos, Miguel Español, visitaron o arranque das obras xunto co arquitecto municipal e técnicos da empresa adxudicataria, que xa comezou os traballos de retirada do vello firme desta rúa urbana. Foi precisamente neses intres cando saíu á luz a vella capa de rodadura de pedra, pedras que se tentarán recuperar para empregalas en parte destas obras de mellora.

Esta actuación contará cunha parte central para a recollida de augas fluviais, substituíndo o pavimento existente por outro novo de pedra en continuidade cos tramos xa mellorados en fases anteriores nesta mesma rúa.

Executarase unha nova rede de abastecemento de auga, así coma a incorporación de bocas de incendios e a substitución da rede de augas pluviais e residuais, dispondo as novas acometidas a pozos e eliminado as acometidas que nestes intres non se poden controlar ou rexistrar.