Domingo, 11 Maio de 2025

A Guarda informa das prohibicións vencelladas á Zona de Especial Vixilancia da Gripe Aviar

Tras o casos detectados de gripe aviar no 2022, o Ministerio de Agricultura e Pesca determinou un aumento do risco de contaxio de aves domesticas. A Orde APA/2442/2006 clasifica o concello da Guarda como Zona de Especial Vixilancia (ZEV) nas que co aumento do risco se establecen as seguintes prohibicións:

  • Prohíbese a cría de aves ó aire libre: Os propietarios deberán gardar as aves en instalacións pechadas. Se non fose posible deberán colocar teas paxareiras ou outro dispositivo que evite o contacto entre as aves domesticas e as silvestres, ademais de impedir o aceso destas a auga e a alimentación
  • Queda prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas (parrulos ou similares) e charadriiformes (gaivotas e similares)
  • Prohíbese a cría de parrulos, ocas e gansos con outras especies de aves de curral.
  • Queda prohibido dar ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outras orixes as que puideran ter aceso aves silvestres
  • Os depósitos de abastecemento de auga para aves domésticas que estean no exterior deberán ser protexidos para evitar que poidan acceder aves silvestres e as súas dexeccións
  • Quedan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo
  • É obrigatoria a inscrición dos currais familiares de autoconsumo no Rexistro Galego de Explotacións Avícolas da consellería de Medio Rural

Esta inscrición poderá realizarse mediante o formulario MR501A na sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente na Oficina Agraria Comarcal.

O serotipo actual da gripe aviar o H5N1 ten unha elevada mortaldade entre as aves, pero unha transmisibilidade ás persoas insignificante. Aínda así debido a alta capacidade de difusión entre as aves e as graves repercusións económicas desta enfermidade é moi importante unha detección precoz polo que calquera sospeita de que unha ave poida padecer gripe aviar debe ser comunicada de inmediato ós Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería de Medio Rural.