Domingo, 4 Maio de 2025

A Guarda inaugura este sábado o pavillón da Sangriña

O Concello da Guarda realiza, este vindeiro sábado día 28 de xaneiro ás 19:00 h, a inauguración oficial das obras de reforma e ampliación realizadas no pavillón deportivo municipal da Sangriña, nun acto especial que estará dirixido pola comunicadora guardesa Beti Rey.

Dende o Concello da Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nesta inauguración, que contará con varias actuacións, da Escola de Danza Attitude e da Escola de Danza Dansá, e, por primeira vez na Guarda, contarase coa compañía de performances de Pablo Méndez.

O proxecto da Reforma e Ampliación do Pavillón da Sangriña tivo un custe duns 1.870.000 €. Esta obra permitiu modernizar todas as instalacións, que contemplan: unha nova fachada, unha nova cuberta, unha nova grada de fondo, a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas, unha zona de espectadores en cadeiras de rodas nesa planta superior, un ascensor, a renovación dos vestiarios: catro vestiarios xerais, un vestiario accesible, un vestiario para árbitros; dous núcleos xerais de aseos, tres aseos accesibles, un espazo de enfermería, un espazo para control antidopaxe, unha area de prensa, novas zonas de paso inferiores e almacéns, etc. Ademais inclúese unha importante mellora na accesibilidade, na seguridade e na eficiencia enerxética do edificio. Tamén se aumenta o aforo nun 48%, ata 700 persoas sentadas.

Non cabe dúbida que o pavillón da Sangriña precisaba desta reforma, a execución desta obra representa unha gran oportunidade para A Guarda e un gran paso na mellora das súas infraestruturas deportivas.