Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda impulsa o proxecto ‘Trega 2020+5’

O concello da Guarda  elaborou o proxecto ‘Trega 2020+5’ para desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro  do Trega a través dunha actuación integral.  Así este proxecto  desenvólvese  en torno a tres eixos,  recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930,  manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público e investigar e profundar no coñecemento arqueolóxico do castro  coa  finalidade de  crear contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio. 

A importancia do citado proxecto, que conta coa colaboración e financiamento do Padroado do Monte Trega e a colaboración das Comunidades de Montes da Guarda e Camposancos, fixo que o alcalde da localidade e presidente do Padroado, Antonio Lomba, activase o inicio deste proxecto neste mesmo ano,  a pesar de non contar con resposta  por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia á invitación de colaboración no mesmo. 

Deste xeito, tramitouse unha modificación do orzamento do Padroado para que sexa posible acometer a restitución do lintel da porta norte do xacemento castrexo. Esta actuación permitirá seguir pondo  en valor o xacemento castrexo cun elemento que aportará unha maior comprensión do recinto, esta  será a primeira das moitas inversións que se esperan para o que constitúe, segundo os expertos nesta materia, o maior xacemento castrexo de todo o noroeste peninsular.   

Xunto con esta actuación se procedeu tamén a dotar consignación para a redacción do proxecto de reforma dos aseos no cume no monte Trega.