16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Guarda da a benvida ao Nadal este xoves

    A Guarda da a benvida ao Nadal este xoves

    Pista de xeo, obradoiros, actividades infantís, Mercado de Nadal e Cabalgata de Reis conforman un programa de Nadal amplo e para todos os gustos

    A Casa dos Alonsos acolleu, este martes, a presentación da axenda coa programación para este Nadal 2019/2020, cun programa cargado de actividades para nenos e maiores. O alcalde, Antonio Lomba, acompañado das concelleiras de Comercio e Cultura, Fátima Rodríguez e Montserrat Magallanes, respectivamente, era o encargado de facer público este programa que se alongará ata os primeiros días de xaneiro do 2020.

    Tal e como quedou de manifesto A Guarda terá un Nadal moi especial este ano, repetindo a Pista de Xeo na Alameda da Guarda, incorporando un Mercado de Nadal na Praza de Avelino Vicente e un espazo para Obradoiros e actividades infantís na Praza de Juan Bautista e, xa para por o broche final, unha Cabalgata de reis magos moi especial.

    As actividades programadas arrancan xa na xornada deste xoves co acendido do alumeado de Nadal, unha xornada que comezará a partires das 18:00 h na Praza do Reló con actuación de Mere-Clown co espectáculo ‘Aparvaolimpiadas’, o acendido do alumeado de Nadal e o concerto infantil de ‘Luis Vallecillo’.

    Variedade de propostas para todas as idades

    Entre as actividades culturais destacan, Animación e Ludoteca para nenos e nenas, Concertos para a mocidade, Cantos de Nadal e Concertos do Conservatorio. Doutra banda, salientouse na presentación deste programa “a implicación por parte das asociacións” que colaboran, como cada ano, na decoración das prazas na campaña Decora o Teu Nadal, acompañando aos Reis Magos na Cabalgata do 5 de xaneiro “ou organizando mercadiños solidarios, exposicións, chocolatadas e sorteos de chegues regalo”.

    Maiores e pequenos poderán tamén este ano gozar da Pista de Xeo que quedará instalada na Alameda. Como novidade deste ano, a Guarda contará cun Mercado de Nadal na Praza de Avelino Vicente e, xa na Cabalgata de Reis outra das novidades será o acompañamento das carrozas por ‘La Fiesta Escénica’ cun percorrido dende a Alameda ata o Concello ás 18:00 h.

    As rúas serán, este ano, os grandes escenarios da programación de Nadal co obxectivo, “de xerar un maior movemento de persoas pola vila, favorecendo a mobilidade das persoas polo casco urbano e incentivando as compras no comercio local”.

    Pista de Xeo

    A Alameda da Guarda contará novamente cunha Pista de Xeo que estará en funcionamento do 5 de decembro ao 19 de xaneiro.

    O horario da Pista de xeo será de Luns a venres de 16:00 h a 21:30 h e as fines de semana de 12:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:30 h, cun horario especial para o 25 de decembro, 5 e 6 de xaneiro de 16:00 h a 21:30 h e os días 24 e 31 de decembro de 12:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 20:00 h.

    Este ano establécese un sistema de puntos que permitirá facer promocións a través das empresas locais. Cada entrada para a Pista de Xeo terá un custo de 7 puntos e cada punto terá un valor de 1 €. Todos aqueles comercios que desexen dispor de puntos para a Pista de Xeo poderán mercar os que desexen na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 60 89 20, tamén se poderán mercar ‘in situ’ na Pista de Xeo na Alameda da Guarda.

    As empresas que se adhiran ao sistema de puntos deberán de manter o seu compromiso de dispor de puntos nos seus establecementos ao longo da duración da campaña de Nadal, do 5 ao 19 de xaneiro, o seu reparto entre os seus clientes queda á elección de cada comerciante, os puntos que non se consuman ao remate da campaña serán reembolsados. Cada local participante aparecerá nunha lona na propia pista de xeo e terá un cartel anunciador da campaña no seu establecemento. Tamén se disporá de espazos publicitarios no interior destas instalacións, un lugar para dar visibilidade aos servizos e produtos das empresas que desexen incluír publicidade alí.

    Dende o Concello da Guarda lembrouse ao comercio e ao sector hostaleiro “o importante esforzo económico que supón traer novamente á Guarda unha Pista de Xeo”, polo que se pediu a súa colaboración e implicación para facer que o seu funcionamento sexa o agardado e se converta nunha tradición do Nadal Guardés.

    Coa instalación desta Pista de Xeo preténdese incentivar o consumo e as estancias de visitantes na Guarda, nunha das épocas de maior afluencia e máis importantes para o tecido económico guardés como é o Nadal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.