A programación do Entroido 2020 na Guarda arrancaba na mañá deste venres día 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios da vila, no que participaron a case totalidade dos alumnos e alumnas dos centro educativos, cun percorrido polo casco urbano, onde luciron os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido.
Cada clase empregou unha temática e, entre os disfraces máis destacados, os relacionados cos xogos olímpicos de Tokio 2020, cunha imaxinación e orixinalidade que causou gran expectación entre os centos de persoas que se achegaron e encheron as rúas da vila para presenciar este divertido e colorido desfile infantil.
A programación continúa ata o vindeiro martes con actividades de lecer para todas as idades con espectáculos infantís, música en directo e moito máis.
Na xornada do sábado 22 de febreiro ou sábado de guateque a Alameda da Guarda será o epicentro dunha noite moi especial e chea de boa música que comezará ás 23:30h co Concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizarán esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada Bailongo session a cargo de Furry Destroyer.
[su_image_carousel source=”media: 12187,12186,12185,12184,12183,12182,12181,12180,12178″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
O Domingo 23 de febreiro A Alameda da Guarda acollerá o “Domingo das Familias” a partir das 18:00h co Concerto Gramola Ye Ye e o Obradoiro de pintacaras para nenos con Manunú. Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60´s e 70´s especialmente dedicado a público familiar e público xeral.
Para a xornada do luns día 24 de febreiro, os nenos e nenas da vila serán os protagonistas, co espectáculo infantil “Abordaxe Pirata” e “Minidisco” de Barafunda e un “Obradoiro de máscaras” de Manunú, a partir das 17:30h na Alameda da Guarda. A “Abordaxe Pirata” é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes. “Minidisco” continuará con máis amenización infantil para todos os nenos e nenas que se acheguen ata a Alameda da Guarda.
Xa para por o broche final a esta programación do Entroido 2020 na Guarda, o martes día 25 de febreiro terá lugar o “Desfile de Entroido” ás 17:30 h, con saída dende a “Esquina Famosa” e percorrido polas rúas da Guarda ata a Alameda acompañados da Batucada “Bate no Cobre de Matamá e que conta con preto de 15 integrantes. As inscricións para participar estarán abertas do 11 ao 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3000 €, bases completas na web municipal www.aguarda.es. A diferenza doutros anos o desfile deste ano pretende involucrar á maior cantidade de xente posible, e animar a asociacións, colectivos e grupos de amigos a participar. Este ano todos os nenos e nenas que participen terán un agasallo.
Menú de Entroido
Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o «Menú de Entroido», onde ao longo de 4 días varios establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o «Menú de Entroido» que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café.