Luns, 12 Maio de 2025

A Guarda crea unha rede de apoio veciñal de acompañamento afectivo a distancia

Sabías que no teu barrio viven persoas maiores? É probable que leven días sen saír da casa e sen falar con ninguén… Coñeces a algunha persoa que poida necesitar axuda? Esas son as preguntas que hai detrás dunha iniciativa dos Servizos Sociais da Guarda para ofrecer unha atención persoalizada á veciñanza que viva soa ou a outros colectivos con necesidades.

Ante esta situación de emerxencia polo COVID -19 o obxectivo do servizo é ofrecer un acompañamento afectivo a distancia para previr a soidade a través de chamadas telefónicas cun grupo de voluntariado, fomentando así as relacións interxeracionais.

Outro dos obxectivos é recuperar e afianzar as relacións veciñais de toda a vida, xa que consideramos que é a mellor forma de previr a soidade das persoas.

Os servizos sociais, a través de chamadas telefónicas realizadas por un grupo de persoas voluntarias, contactará coas persoas maiores susceptibles de recibir este apoio. Deste xeito identificarémolas, recolleremos as súas necesidades e activaremos un proceso de resposta.

O Concello chama tamén á colaboración cidadá ao sinalar que “se tes coñecemento dalgunha persoa que se sinta nesta situación ou consideras que poida haber outra persoa que non estea dentro deste colectivo pero precisa de apoio, chama ao 986 614 507 de luns a venres e de 10 h a 14 horas.