Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda concede subvencións por máis de 140.000 € a entidades locais de carácter social, cultural e deportivo

O concello da Guarda inicia a concesión de subvencións nominativas para este ano 2021.

O importe total das subvencións nominativas concedidas polo Concello da Guarda a entidades de carácter social, cultural ou deportivo acada un total de 116.400 €. Deste importa global, 17.100 € van destinados  a entidades de carácter social; 29.300 € para as relacionadas coa Cultura e 70.000 € para as entidades deportivas.

Entidades de carácter social

Dentro deste apartado achegaránse 9.000 € ao centro San Xerome Emiliani; 4.300 € á asociación Erguete de prevención das drogodependencias e educación e promoción da saúde; 3.000 € para a asociación Avelaíña,  de axuda a persoas  con problemas de saúde mental e 800 € para a fundación As Samaritanas.

Cultura

Para as entidades de carácter cultural a cantidade total será distribuída entre a Banda Musical da Guarda con 7.440 € e o apoio a todas as comisións de festas patronais  da localidade, entre outras.

Deporte

No ámbito deportivo, o importe total é de 70.000 € dos que 35.000 € irán para o Club de Balonmán; 19.800 € para o Sporting Guardés; 13.200 € para o club de remo Robaleira e 2.000 € para a club de fútbol feminino, Unión Guardesa.

O alcalde, Antonio Lomba, subliñou que durante este mandato “se está facendo un esforzo para estar ao lado das diferentes entidades e asociacións  que miran polo desenvolvemento  cultural, social e deportivo da localidade e dos seus veciños e veciñas”.

O rexedor local quixo trasladar, de xeito expreso, o apoio do concello da Guarda “ao asociacionismo que posibilita acadar un alto nivel  no eido deportivo,  a proxección cultural da localidade e se presta, por medio destas entidades,   unha atención aos problemas de carácter económico ou de saúde das persoas da nosa veciñanza”.

O concello da Guarda tamén vai outorgar subvencións en concorrencia competitiva entre entidades e asociacións da localidade para a realización de actividades neste 2021. O importe total destas subvencións  é de 31.760 €, ás que poderán acceder  en canto estean  publicadas as bases reguladoras das mesmas.

Para poder acceder a estas subvencións as  entidades ou asociacións  terán que estar inscritas no Rexistro de Asociacións do concello da Guarda. Con estas subvencións o alcalde, Antonio Lomba, reforza o compromiso coas asociacións que teñan como obxectivo  a realización de actividades, proxectos ou iniciativas nos ámbitos   cultural,  deportivo, social ou formativo.