Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda aposta polo emprego coa contratación de 14 desempregados ao abeiro do Plan Concellos

En total, a Deputación de Pontevedra realizou unha achega de 130.917,22€ a través da Liña 3 de emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais 2022

Na mañá do venres día 1 de abril de 2022 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Persoal, Montserrat Magallanes e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español; deron a benvida aos 14 novos traballadores que se veñen de incorporar recentemente grazas á Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.

Nesta benvida, o alcalde da Guarda, recordoulles que están ao servizo da cidadanía da Guarda, polo que deben de esmerarse nas súas tarefas e realizalas dun xeito correcto para que o conxunto da cidadanía da vila aprecie e poña en valor os seus respectivos traballos.

O Concelleiro de Vías e Obras fixo especial fincapé naquelas habilidades especiais que teñen algún deles, como son os coñecementos en soldadura, pintura, carpintería, albañilería… para tentar optimizar ao máximo e organizar axeitadamente os seus traballos.

Pola súa banda, a concelleira de Persoal, puxo en valor esta aposta polo emprego de persoas desempregadas que se fai dende o Concello, dando unha oportunidade a moitas persoas para mellorar a súa situación laboral e persoal, agradecendo tamén a achega da Deputación de Pontevedra para este fin.

En total A Guarda conta con 14 novos traballadores que prestarán servizos na recollida de residuos urbanos, limpeza, conserxería e animador sociocultural, con contratos de 6 meses de duración a xornada completa.