Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda apoia aos colectivos e asociacións do municipio con axudas por importe de 142.069 €

O Concello da Guarda ven de aprobar en sesión plenaria as subvencións nominais concedidas aos colectivos, asociacións e entidades de Fins Sociais, Culturais e Deportivas para o exercicio 2020, por un importe total de 142.069 €. As axudas distribuiránse entre asociacións guardesas de carácter deportivo (83.209 €), culturais (39.200 €) e sociais (19.660 €).

O obxectivo desta liña de axudas, sinala o Concello que preside Antonio Lomba, é “contribuír ao correcto desenvolvemento das entidades de acordo coas actividades levadas a cabo por cada unha delas, apoiando o traballo e o esforzo que realizan en favor da nosa comunidade”.

De entre o total das asociacións beneficiarias, oito delas desenvolven labores de carácter social, permitindo mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e crear estruturas que permitan a inclusión social e laboral das persoas. O concello colabora estreitamente coas diferentes asociacións para a promoción e difusión da cultura, posibilitando a recuperación e posta en valor de iniciativas culturais de toda índole, potenciando os grupos de música e bandas locais. Tamén se traballa na promoción de actividades e eventos xunto coas entidades deportivas e no mantemento das infraestruturas deportivas municipais, para seguir apostando polos hábitos e un estilo de vida saudable.

“O Concello da Guarda é un dos gobernos locais da comarca que máis subvencións destina ás asociacións deportivas, culturais e de carácter social do seu municipio, dada a variedade e calidade das organizacións que desenvolven unha importante labor diaria en beneficio dos guardeses e guardesas”, asegura o executivo local.

O Concello salienta tamén o apio que se da a estes colectivos ao longo do ano “aportando materiais, infraestruturas e operarios municipais para colaborar nos distintos eventos que se realizan, así coma a cesión de espazos públicos, petición de permisos, entre outras xestións”.