Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda acolle o 1 de agosto unha actividade de Orientación

O vindeiro sábado 1 de agosto, en xornada de mañá, terá lugar a segunda Actividade de Orientación do Concello da Guarda.

Esta actividade, dirixida por Xesta Natureza, levará aos participantes polo casco urbano da Guarda, contribuíndo ao coñecemento do noso patrimonio natural, histórico e arquitectónico pero tamén desvelará recunchos singulares.

A inscrición pódese facer de xeito individual ou en grupo (equipos), e existirán 3 categorías diferentes: Xestiñas (iniciación para nenas/os, se son menores de 9 anos deberán ir acompañados de un adulto), Xestas (adultos ou nenas/os con maior dificultade física e técnica), e Xesteiras (categoría só pensada para persoas con altos coñecementos en Orientación).

A proba dará comezo ás 10:00h dende o Castelo de Santa Cruz, e consistirá en atopar, en orde, unha serie de puntos (denominadas balizas), espalladas polo entorno urbano do Concello. Para iso os participantes disporán dun mapa especificamente creado para este tipo de carreiras, e aínda que non se trata dunha proba competitiva, o equipo/persoa gañador será aquel que faga correctamente o seu percorrido no menor tempo posible.

Os participantes contarán para isto cunha tarxeta electrónica que lle facilitará a organización, para comprobar que o percorrido realizado é válido. Cabería salientar tamén que esta proba terá horarios de saída escalados, de xeito que ningunha persoa/equipo sairá ao mesmo tempo que outra co mesmo percorrido.

Ao rematar a carreira, a organización disporá dun pequeno avituallamento para tódolos participantes, onde poderán comprobar en tempo real os resultados, grazas a un código qr impreso no mapa.

Máis información e inscricións: http://www.xestanatureza.com/inscricions/aguarda2020