Sábado, 25 Xaneiro de 2025

A Corporación Municipal da Guarda expresa o seu rexeitamento “á deficiente atención sanitaria”

Os voceiros municipais lembran, nun comunicado, que "A Guarda está a case que unha hora do hospital de referencia en Vigo"

Os portavoces dos grupos municipais do concello da Guarda, en representación da Corporación Municipal, reuníronse onte martes día 10 decembro para valorar a situación pola que está pasando o centro de saúde da localidade. Na xuntanza acordaron trasladar, a opinión pública e aos responsables do SERGAS, “a preocupación pola deficiente atención que se está prestando aos veciños e veciñas motivada, principalmente, pola falla de cobertura das prazas vacantes que se producen por vacacións, baixas e permisos”.

No seu comunicado, os representantes da cidadanía queren mostrar, á vez, “o seu apoio aos profesionais que veñen sufrindo unha sobrecarga de traballo pola falta de previsión na cobertura destas vacantes”. 

No seu escrito, lembran que “o servizo de saúde pública na Guarda ven acarrexando deficiencias dende fai tempo que se están agravando nas últimas datas. Estes problemas fan que o servizo sexa máis precario aínda polo illamento que sofre A Guarda. Hai que lembrar que se tarda case unha hora en chegar ao hospital de referencia en Vigo, debido, sobre todo, a mala comunicación por estrada entre A Guarda e Tui”.

Chaman a atención, asi mesmo, que no pasado mes de xullo “as alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño xa solicitaron unha xuntanza co conselleiro para tratar os problemas sanitarios da comarca. A principal reivindicación naquela ocasión, por parte do concello da Guarda, era o reforzo do equipo médico do PAC de urxencias guardés, que atende, ademais da propia localidade, os concellos de Oia e O Rosal. Esta solicitude viña a sumarse, entre outras, a que se fixo dende o concello en maio do 2018, avalada por 2.500 sinaturas de veciños e veciñas das tres localidades”.

Dada esta situación, a Corporación Municipal esixe, á Consellería de Sanidade, “unha solución urxente ao problema de atención aos enfermos que se está a producir no centro de saúde guardés”.