Domingo, 4 Maio de 2025

A Comisión de Seguimento do COVID-19 da Guarda intensifica as medidas para mellorar o servizo que se presta á veciñanza

O Servizo de Alerta Epidemiolóxica do Sergas confirmou o primeiro caso positivo de coronavirus na Guarda

A reunión da Comisión Municipal de Seguimento do COVID-19, celebrada hoxe no Salón de Plenos do Concello da Guarda, fixo unha valoración da situación dos primeiros días da crise. Logo do informe do alcalde, Antonio Lomba, os demais membros da comisión aportaron ideas para mellorar a eficiencia das medidas tomadas, e inclusive se propuxeron a adopción de novas accións “para que o concello mellore o servizo que presta a cidadáns e empresas mentres dure esta situación de confinamento pola declaración do Estado de Alarma”.

Á xuntanza celebrada no día de hoxe asistiron todos os membros da comisión, sete deles de forma presencial e catro por videoconferencia.

Antonio Lomba, alcalde da Guarda, iniciaba a reunión dando conta aos e ás asistentes das accións e xestións realizadas ata o momento. Enumerou o rexedor local os contactos que se mantiveron, tanto coas administracións coma coas asociacións e responsables locais, e deu conta de como se fixo a desinfección do material de protección e dos medios que o concello ten en stock.

Así mesmo enumerou os edificios e vehículos que se desinfectaron o pasado sábado e dos espazos públicos que se desinfectarán durante a semana, desinfeccións que se manterán mentres dure o estado de alarma.

Informouse tamén doutras medidas como a remaquetación da páxina web, a campaña informativa levada a cabo nos medios de comunicación e nas redes sociais en relación aos servizos no Centro de Saúde, ós Servizos Municipais e outras cuestións de interese para a cidadanía.

O alcalde rematou a súa intervención anunciando que nos próximos días se informará sobre o primeiro paquete de medidas económicas do concello, medidas para flexibilizar as débedas coa administración e os prazos de cobro, así como a axilización do pago de facturas a proveedores para que estes non teñan problemas de liquidez.

Os temas nos que máis se incidiu foi a mellora do servizo de auxilio aos grupos de risco e ás novas recomendacións en relación á  prevención de contaxios.

Como remate da reunión os presentes concluíron que o concello debe prestar toda a axuda posible ás empresas, asociacións, e veciños e veciñas que así o precisen, porque só xuntos seremos capaces de minimizar o impacto desta crise.

Despois da reunión, o Alcalde púxose en contacto co Servizo de Alerta Epidemiolóxica do SERGAS, onde lle foi confirmado o primeiro positivo por coronavirus covid-19 na Guarda.