Sábado, 3 Maio de 2025

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda engalánase para o Samaín

Dende fai uns días a Biblioteca Pública Municipal da Guarda, emprazada no 1º andar do Centro Cultural, xa se atopa engalanada para as datas do Samaín, cunha curiosa e terrorífica decoración que non deixará a ninguén indiferente.

Dende o Concello da Guarda se fai un convite a que os pais e nais visiten este espazo xunto cos seus nenos e nenas para gozar deste novo atractivo e, de paso, estimular e incentivar a lectura entre os máis pequenos da casa.

As propostas relacionadas co Samaín comezarán dende este venres día 29 na Biblioteca Municipal que se suma á celebración do Samaín a través de dúas iniciativas:

– A proposta “Facemos un trato?”, que obsequiará cun pequeno detalle a tódolos nenos que se acheguen durante o venres 29 e sábado 30 ata a Biblioteca e leven un libro en préstamo, a cambio iso si, de deixar un pequeno mensaxe na decoración de Samaín que decorará o espazo durante estes días.

– E na mañá do sábado 30 de outubro acollerá no Salón de Actos do Centro Cultural ás 12h. o Contacontos “Contos para pasalo de medo”, un espectáculo de Carmen Domech (Títeres Cachirulo) pensado para rapazas e rapaces de 4 a 11 anos. As prazas para este evento son limitadas polo que é preciso anotarse a través do mail [email protected].

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda ven incrementado notablemente o número de usuarios que reclaman os seu servizos, cun aumento no número de préstamo de libros, froito do traballo de dinamización deste espazo, da súa mellora e da adquisición progresiva de novos exemplares de variadas temáticas.