Domingo, 23 Marzo de 2025

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda conta xa cunha sección de temática feminista

O Punto Lila recolle exemplares de autoras coma Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán

Na xornada do martes 2 de marzo o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, a concelleira de educación Fátima Rodríguez e Marisol Diz, responsable da Biblioteca Pública Municipal da Guarda, deron a  coñecer a posta en marcha do “Punto Lila”.

O “Punto Lila” é un espazo no que se recollen máis de 130 exemplares de temática feminista no que a muller, a igualdade e a coeducación son os protagonistas, atopando exemplares de autoras consagradas comaRosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán.

Ata o de agora estes exemplares atopábanse en diferentes seccións da biblioteca e foron seleccionados para formar parte desta nova sección, que se irá completando con outros novos exemplares que serán adquiridos proximamente para incrementar a oferta literaria da Biblioteca Pública Municipal da Guarda.

Para Montserrat Magallanes esta é unha nova iniciativa para por en valor o papel da muller dentro da literatura e unha das accións enmarcadas nas propostas municipais para conmemorar o Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo.