Sábado, 3 Maio de 2025

88 empresas e autónomos da Guarda recibirán os 300€ da 2ª liña de axudas da Covid-19 do Concello

Desde o inicio da pandemia o Concello da Guarda leva posto en marcha diversas actuacións para axudar a paliar os efectos económicos da Covid-19 nas actividades económicas da vila.

Redución na taxa de lixo, exención do pago de ocupación de vía pública polas terrazas e flexibilidade para a ampliación das mesmas (con vixencia de 2020 a 2022), formación para a xestión do COVID na hostalería, creación de www.mercanaguarda.com, posta en marcha de campañas de concienciación para o fomento do consumo local, etc., foron algunhas das medidas postas en marcha polo consistorio guardés.

A estas accións uníronse dúas liñas máis de reactivación en forma de axudas directas. A primeira, que podía ascender a 700€, estivo dirixida a aqueles negocios que tiveron que pechar temporalmente a raíz da Orde do 26 de xaneiro de 2021, e que obrigou ao cese de actividade en ximnasios, piscinas, establecementos de restauración ou albergues turísticos, entre outros.

Na segunda liña de axudas o rango de gastos subvencionables incluíron gastos en material de prevención da COVID, inversións necesarias para adaptar o negocio á pandemia, incluso gastos de arrendamento e de cotas de autónomos e Seguridade Social. 

O consistorio guardés sempre tivo claro que nesta extraordinaria situación debía situarse ao carón de toda a poboación, pero en especial daquelas persoas que traballan día a día non só para proporcionar servizos á cidadanía, senón tamén para xerar e manter postos de traballo na vila.

Por iso, unha vez máis o Concello aposta por utilizar os recursos municipais para contribuír na medida das súas posibilidades na recuperación e reactivación económica dos negocios locais, e está estudando sacar unha nova liña de axudas para atender peticións que non puideron ser atendidas nesta segunda convocatoria.