Venres, 2 Maio de 2025

«Mulleres en acción. Violencia Zero» chega a Crecente

A iniciativa do dúo que forman Nuria Vil e Vanessa Glemsel titúlase “O bo rollo vai rematar” e levarase a cabo ás 18.30 horas no Auditorio Municipal de Crecente

O concello de Crecente acollerá este mércores 19 de febreiro a sétima acción da nova edición do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, que se estreou no pasado mes de novembro. A cita terá lugar ás 18.30 horas no Auditorio Municipal de Crecente. Baixo o título “O bo rollo vai rematar”, o dúo de artistas “Dúas gamberras e un micro”, conformado polas artistas Nuria Vil e Vanessa Glemsel, poñerá o foco nas violencias machistas e a hexemonía heteropatriarcal facendo fincapé nos distintos tipos de diversidade, entre os que se atopan a diversidade corporal, a estética ou a afectivo-sexual.

O día do evento ás 16.30 horas tamén terá lugar a fase previa de preparación, na que as artistas levarán a cabo exercicios de quecemento de voz e de interpretación con 10 integrantes do club de lectura “Elefantes de Papel” e 70 da Asociación de Mulleres Rurais San Pedro de Crecente. Deste modo, a propia vivencia persoal das poetas e os asistentes constituirá unha fonte de recursos e situacións sobre as que poñer o foco para combater os micromachismos, a exclusión social e os clixés.

“Dúas gamberras e un micro” é o proxecto de poesía oral e intervención escénica formado polas autoras Vanessa Glemsel e Nuria Vil. A súa andaina como dúo comezou en 2016 tras comezar a experimentar entre os límites do literario e a improvisación a través da oralidade. O vencello co movemento feminista está patente ó longo da obra das dúas poetas.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición novamente se celebra en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove,  Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).