A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vai impulsar de xeito inmediato a reforma integral do sistema enerxético eléctrico do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo cun investimento de 48.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta actuación e o seu inminente comezo nestes próximos días nunha visita realizada esta mesma mañá ao colexio público xunto ao alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e o xefe territorial de Educación, César Pérez.
“A Xunta de Galicia segue co seu compromiso coa mellora e modernización dos centros educativos públicos para que alumnos e profesores estean nunha situación da máxima confortabilidade e por iso temos programadas decenas de obras en toda a provincia de Pontevedra para comezar ao longo deste verán e, entre as mesmas, figura a necesidade de renovar a rede eléctrica do colexio de Covelo”, explicou o representante autonómico, que detallou que os traballos arrancarán de inmediato e remataranse en poucas semanas antes do comezo do vindeiro curso académico 2021/2022.

Esta mellora enerxética pretende modernizar toda a infraestrutura eléctrica do centro e subsanar algunhas deficiencias existentes e consistirá principalmente na renovación dos cadros coa instalación de proteccións diferenciais e posta a terra e a instalación de novas luminarias de emerxencia.
Así mesmo, tamén se procederá á execución doutras obras menores no sistema, como a colocación de novos condutores eléctricos e a mellora das liñas de distribución.
Trátase da décima actuación impulsada pola Xunta de Galicia no CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo na última década cun investimento global de máis de 250.000 euros, que permitiu acometer a renovación da carpintaría exterior, a reforma da cuberta do edificio principal e do pavillón, a instalación dunha nova sala de caldeiras e outras obras menores, en colaboración co Concello, nas pistas do patio, as fiestras e o ascensor.