Martes, 5 Novembro de 2024

O rock do grupo Suevia carga contra a violencia machista na Cañiza

Música para a liberdade da muller cunha actuación desenvolvida na praza Maior

“Vive e deixa vivir” foi o lema con que as “rockeiras” de Suevia cargaron contra a violencia machista no concerto que constituíu a nova acción do programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” desenvolvida no concello da Cañiza. As catro integrantes da formación protagonizaron unha sentida actuación na praza Maior na que reivindicaron a liberdade da muller, de xeito especial con temas como “Princesas”, e á que asistiu a deputada provincial Ana Laura Iglesias, amais do alcalde Luis Gómez Piña.

Suevia, formado por Susi Quiu, Patricia, Fati Cadavera e Olga Starr, defendeu na súa intervención que a violencia machista é “a que se exerce sobre as mulleres só polo feito de selo, permitida e aceptada”. Deste xeito, arengou contra “misóxinos, intolerantes, machistas e maltratadores”. “Esta clase de pensamentos entorpece o papel das mulleres e o seu avance cara á a igualdade.  Por iso, hoxe dicímoslle non á violencia machista, reivindicando o noso camiño cara adiante, cara a un mundo onde os valores humanos e democráticos non teñan sombras”. Para as artistas, “quen xustifica a violencia sobre as persoas máis vulnerables, nenas e nenos, mulleres, menores inmigrantes non acompañados, minorías raciais etc., utiliza contra elas unha violencia sistémica, mais tamén dialéctica, onde entre outros termos lles chaman feminazis, co que conseguen criminalizar as vítimas”. “Isto –defende Suevia- resulta moi perigoso para unha sociedade que está por detrás doutros países en materia de educación, debido aos recortes ou sinxelamente porque temos unha democracia moi nova e aínda con demasiados vestixios da ditadura”.

Suevia formouse en 2019 por mulleres con experiencia en formacións anteriores que decidiron unirse e levar adiante un proxecto musical influenciado polo rock dos anos 70 e 90. O seu primeiro disco, Luces y sombras, estreado en 2021, recolle cancións de temática principalmente social e letras comprometidas.