11.8 C
Pontevedra
Mércores, 1 de Maio de 2024
Máis
    HomeA ParadantaA CañizaO pavillón municipal da Cañiza estrea vestiarios grazas á Deputación

    O pavillón municipal da Cañiza estrea vestiarios grazas á Deputación

    O Pavillón Municipal da Cañiza loce xa renovados vestiarios, cuxa reforma foi financiada a través dunha achega de máis de 60.000 euros do Plan Concellos da Deputación e que hoxe visitaron a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Luis Antonio Gómez Piña, así como o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez e representantes da corporación municipal. No acto estiveron tamén presentes xogadoras e persoal técnico do Club Balonmán A Cañiza sénior feminino, que esta tempada está a disputar a competición na División de Honor Prata neste pavillón.

    As obras realizadas tiñan como obxectivo mellorar as condicións de salubridade e ventilación de tres dos vestiarios, un masculino, un feminino e o das persoas árbitras, que están conectados por un corredor común. Estas dependencias databan do ano 1983 e apenas sufriran modificacións desde entón, de xeito que presentaban unha serie de danos de humidade e as condicións de salubridade e ventilación natural eran insuficientes. Os traballos acometidos incluíron entre outras actuacións a renovación das instalacións de electricidade e fontanería, coa instalación de novos aparatos sanitarios, así como a execución de novos revestimentos nas paredes da zona de duchas e o seu pintado con materiais resistentes á humidade. As obras completáronse coa dotación dun novo pavimento anti escorregadizo no chan, coa substitución do falso teito de madeira por un de aluminio e con outras intervencións nas zonas de duchas, encamiñadas a garantir a seguridade e ao aforro de auga.

    A presidenta Carmela Silva destacou o resultado da actuación realizada e as “excelentes condicións” que presentan os reformados vestiarios, unha obra que se completará coa renovación das restantes dependencias de vestiarios a través do Plan Concellos 2021, cunha achega de preto de 50.000 euros que xa está aprobada pola Deputación. Carmela Silva subliñou que o apoio ao deporte “é unha obriga e unha grande prioridade” para a institución provincial, “e de xeito máis especial nos concellos máis pequenos onde hai menos recursos, onde facemos un enorme esforzo en apoiar aos clubs e para que os equipamentos deportivos estean en condicións, xa que a xente ten dereito a practicar deporte en boas dotacións”.

    A presidenta provincial subliñou tamén que o compromiso “e o enorme esforzo” do Concello da Cañiza no eido deporte vese tamén no proxecto presentado aos fondos do plan ReacPon, para a reforma da piscina climatizada para reformar as instalacións a fin de garantir a súa eficiencia enerxética e sostibilidade. “Espero que A Cañiza poida ter financiamento para esa grande obra e teña equipamentos do século XXI”, subliñou Carmela Silva, que lembrou que o vindeiro ano os concellos poderán ter máis recursos dispoñibles ao contar coa totalidade do Plan Concellos 2022 máis a Liña 1 (obras e investimentos) do 2023, “de xeito que poderán tomar máis decisións; seguro que A Cañiza seguirá a apostar polo deporte”.

    Carmela Silva fixo un recoñecemento especial aos equipos do concello “polo esforzo que están a facer”, en especial ao Club Balonmán A Cañiza e ao seu equipo sénior feminino. “Síntome moi orgullosa das mulleres deportistas –apuntou-. Hai 100 anos tiñamos prohibido competir e hoxe non hai máis que ver o medalleiro das Olimpíadas e Paraolimpíadas. As mulleres cando se nos dá oportunidade de facer deporte rapidamente ocupamos espazos na alta competición. Esta é a provincia máis potente no deporte grazas a moita xente”.

    Pola súa banda, o alcalde, Luis Antonio Gómez Piña, destacou que a reforma dos vestiarios era un compromiso do concello cos equipos e coa veciñanza “para dignificar” estes espazos. “Estou contento porque quedou unha obra bonita á altura do que nos merecemos e do que se merecen tamén os equipos visitantes”. Neste senso, o rexedor fixo fincapé nas “bondades” do Plan Concellos da Deputación, que “respecta a nosa autonomía sobre onde queremos gastar os cartos e permiten facer os trámites adecuadamente” no que se refire ao cumprimento dos prazos, “con firmeza e sentido común”. Gómez Piña confía en obter financiación do ReacPon para o proxecto da piscina climatizada, “que vai dar solución a algo que había que solucionar; se o conseguimos vainos permitir reformala e abaratar costes”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.