Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello da Cañiza lembra á veciñanza a obriga de manter limpos os montes e fincas lindeiros con vía pública

O alcalde da Cañiza, Luis Piña asinou onte o un Bando de Alcaldía para requirir aos titulares de terreos que limiten coas pistas municipais, “que procedan á realización das tarefas de rozado, limpeza, retirada de maleza, así como tala ou clareo/ poda de árbores, observando as medidas de seguridade establecidas pola normativa aplicable”.

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, salientou que unha parte dos viais da rede municipal “está afectada polas raíces das árbores situadas nas parcelas, montes e fincas privadas lindeiros cos camiños e pistas, que provocan un grave deterioro no firme destas calzadas”.

O rexedor local fai especial fincapé na necesidade “de contar co compromiso de todos e todas especialmente daqueles veciños propietarios de parcelas con árbores lindeiros coas pistas municipais que teñen a obriga de manter libres de maleza e árbores ata unha franxa de 5 metros dende a marxe da vía”.

Esta obriga está recollida no Artigo 18 da Ordenanza Municipal para a limpeza, mantemento, conservación e ornato de espazos públicos, que establece que os propietarios dos terreos lindeiros con vías públicas municipais, deben manter libres de maleza ou árbores o espazo de 5 metros medidos horizontalmente dende a marxe da vía de acordo coa relación de especies establecida na Disposición Adicional  Terceira da Lei 3/2007 do 9 abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (piñeiro, eucalipto e acacia).

O non cumprimento desta disposición, provoca que parte da nosa rede de viais municipais esté afectada polas raíces que deterioran e deforman o firme da calzada, ocasionando graves prexuízos  económicos ao conxunto do Concello.

A importancia da rede viaria da Cañiza

O Concello da Cañiza conta cunha rede viaria de preto dos 400 quilómetros, sendo un dos concellos con máis extensión en quilómetros cadrados e maios taxa de diseminación de núcleos de poboación.

Os custes de mantemento e mellora dos viais municipais, explica o alcalde, “son dos máis do concello”. Nese sentido Piña engade que “o asfaltado de cada quilómetro de vía cunha capa de 5 cm de espesor pode chegar ata os 50.000 €”.

O alcalde da Cañiza remata reafirmando o compromiso do Goberno local de “continuar traballando para manter as nosas pistas no mellor estado posible, pero primeiro os propietarios das parcelas afectadas terán que cumprir coas súas responsabilidades”.