Sábado, 3 Maio de 2025

O alcalde da Cañiza reclama ante o Sergas a “urxencia” de cubrir a vacante do médico de Valeixe

Despois de dous anos dende as primeiras reclamacións de Luis Piña sen que se dera dende a Xunta unha solución definitiva a este problema, a Xerencia informa que polo menos ata dentro de 2 meses non se cubrirá eventualmente a Praza

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, reuniuse esta pasada semana na Xerencia do Sergas da Área Sanitaria de Vigo, coa directora de Atención Primaria, Reyes Díaz, e a subdirectora de Enfermería, Mar de la Peña, para tratar, unha vez máis, de poñer solución ás reclamacións realizadas dende o Concello sobre “a necesidade de cubrir de modo inmediato a praza de médico no consultorio de Valeixe”.

O alcalde Luis Piña lembrou que a perda deste facultativo hai máis de dous anos, “supuxo tamén a perda dun cuarto médico no PAC da Cañiza, xa que este profesional pertence á plantilla do centro médico da vila”. A resposta da Xerencia non é esperanzadora xa que aseguraron ao rexedor local que “ata dentro de dous meses non se poderá cubrir esta vacante e que ésta tampouco será definitiva”.

A argumentación da administración sanitaria é que “polo volumen de cartillas asignadas a cada médico, non é necesario un cuarto facultativo”, porén, os datos extraídos do SIGAP do Sergas, sinalan que as tres consultas médicas do PAC da Cañiza teñen 1.206, 1.180 e 1.271 cartillas o que fai un total de 3.657 pacientes, aos que habería que sumar outros 754 procedentes do consultorio de Valeixe.

Polo tanto, a suma que alcanza as 4.411 cartillas que, de concentrarse no PAC, provocaría un colapso e saturación no centro e polo tanto unha atención sanitaria deficitaria. Ademais engádese a circunstancia de unha elevada porcentaxe destas cartillas pertence a veciños xubilados que precisan de constante e maior atención sanitaria.

Por outra banda o alcalde comunicou á Xerencia que A Cañiza “está experimentando un aumento no Padrón Municipal de Habitantes quedando atrás a curva de perda de poboación”.

O argumento esgrimido pola Xerencia da Área Sanitaria de Vigo de “non dispoñer de medios” e que se trata “dun deseño global que afecta a toda Galicia”, non convencen nin ao alcalde da Cañiza nin á veciñanza que ven, nestas situación, “unha estratexia velada” dende a Xunta  de dificultar o servizo do consultorio de Valeixe para provocar o seu abandono por parte dos pacientes en favor do PAC da Cañiza e así, o SERGAS, “apoiado na falta de cartillas, decidir o peche deste centro médico”.

Luis Piña reiterou ante a Xerencia que o seu principal obxectivo é defender os intereses do Concello da Cañiza e, neste caso, da parroquia de Valeixe, polo que, despois de case tres anos sen resolver este problema, anunciou o seu apoio “ás veciñas e veciños en todo o necesario ata conseguir  que as mulleres e homes da parroquia poidan contar cuns servizos médicos dignos”.

“A Xunta debería ter en conta –afirma o alcalde da Cañiza– que vivimos no interior de Galicia, nun rural diseminado, onde todavía non chegou o transporte público metropolitano e que obriga á veciñanza a depender de transporte privado e taxis para os traslados”.

Piña subliña o feito que “a meirande parte das 754 cartillas adscritas ao médico de Valeixe son persoas maiores con dificultades de mobilidade, que multiplican a necesidade de atención médica, carecen de vehículo propio e atópanse sen familiares que os poidan achegar ata A Cañiza”.

Remata afirman con rotundidade o rexedor local cañicense que “ todo o que pase con este consultorio periférico é responsabilidade do Goberno do Partido Popular de Núñez Feijóo”