Sábado, 18 Xaneiro de 2025

O alcalde da Cañiza e o delegado do goberno visitan as obras de asfaltado da N-120

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, exemplificou coa renovación de preto de vinte quilómetros da N-120 na Cañiza a cooperación entre o Executivo e os concellos galegos. Expresouse así durante a supervisión dos traballos xa moi avanzados, acompañado polo alcalde, Luis Piña, e a subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba.

José Miñones explicou que a renovación do firme estará rematada en setembro. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana actuou no túnel da autovía A-52 tras o incendio, cun investimento de 2,4 millóns de euros, momento no que o tráfico na estrada nacional 120 viuse moi intensificado. Por iso agora renova dende principios de este mes preto de vinte quilómetros.

Houbo varias reunión co alcalde, tanto na Subdelegación do Goberno en Pontevedra como na sede do Ministerio en Madrid, para pechar esta actuación, cun orzamento de 890.000 euros. “O reasfaltado da travesía da Cañiza é froito desta cooperación, na que quero destacar o papel do alcalde que traballou arreo nestes meses para que hoxe poidamos ver esta actuación case concluída”, detallou o delegado.

Fotografía de Anxo Gutiérrez ©

Pola súa banda, Luis Piña manifestou que “é unha mostra do grao de coordinación entre as administracións, xa que unha vez aberto o túnel do Folgoso, desde o Concello empezamos a traballar para solicitar o arranxo do tramo urbano da   N-120 así como doutros tramos especialmente deteriorados fora de núcleo pero dentro dos límites do Concello”. “Inmediatamente tivemos resposta tanto da Subdelegación do Goberno  en Pontevedra como da Delegación do Goberno en Galicia con que mantiven varias reunións de traballo que  frutificaron na última reunión mantida en Madrid co Secretario  Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Sergio Vázquez”. “Este traballo en conxunto deu solución ao mantemento do vial para moitos anos, sendo una clara mostra de que o Goberno de España tamén traballa en beneficio das veciñas e veciños da Cañiza”.

O Goberno de España ten como obxectivo apoiar ao rural galego. Facelo máis sostible e máis conectado son algunas das metas. Por iso, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu 2.014.580,15 euros para seis proxectos no Concello de aforro e eficiencia enerxética, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

A Cañiza tamén conta co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Neste caso, a través do Plan de Extensión de Banda Ancha sete entidades de poboación do Concello se beneficiarán da instalación da banda ancha e mellorarán a súa conectividade a Internet.

José Miñones entende que a colaboración e cooperación entre o Goberno e os concellos debe ser a liña que marque o traballo en Galicia, coa dinamización do rural e o reto demográfico como algunhas das prioridades. Nese senso, outra vía aberta coa Cañiza é a potenciación do seu polígono industrial, que está en análise por Solo Empresarial do Atlántico (SEA), dependente do Ministerio de Transportes.