12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaA CañizaBaiona, O Porriño, Gondomar, A Cañiza e Redondela, novos beneficiarios do Plan...

    Baiona, O Porriño, Gondomar, A Cañiza e Redondela, novos beneficiarios do Plan Concellos

    A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra volveu a aprobar recursos para os municipios da provincia no marco das liñas 1 e 2 do Plan Concellos. Nesta ocasión deu luz verde a 429.300 euros para Baiona, O Porriño, Gondomar, A Cañiza e Redondela, cos que se actuará no alumeado público, na rede de saneamento ou no pavimento de viarios.

    A Baiona chegarán 154.800 euros da liña 1 cos que o concello urbanizará e mellorará o alumeado público de tres rúas do barrio da Anunciada e do Camiño Longueiriña. As obras comprenden a rehabilitación e acondicionamento de viarios e beirarrúas así como a revisión e reforzo das instalacións urbanas existentes. Pola súa banda, Gondomar contará con 63.500 euros da mesma liña para as obras de mellora da pavimentación na estrada do Mosteiro, na parroquia de Donas. Con elas intervirase nun trazado comprendido entre a conexión coa EP-2304 ata o entroque coa estrada de Nogueira, no que se mellorará o firme e instalaranse saídas de augas pluviais para evitar encharcamentos.

    Para O Porriño a Xunta de Goberno aprobou 65.800 euros da mesma liña co fin de ampliar a rede de saneamento en Eidos do Medio, na parroquia de Cans, nun tramo que actualmente carece deste servizo. Ademais, A Cañiza aumentará a dispoñibilidade de auga no depósito de Porto de Augavella cunha achega provincial de 60.000 euros que servirá para construír un novo pozo de barrena.

    No que atinxe á liña 2, para Redondela foron aprobados 85.200 euros que o concello destinará aos sectores máis afectados pola pandemia que poderán financiar gastos de aluguer, a cota de persoas autónomas, a electricidade e os seguros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.