Mércores, 11 Decembro de 2024

A Deputación inicia o acondicionamento da rúa Silleda na Cañiza

Este martes 27 de agosto comezaron na Cañiza as obras de acondicionamento da rúa Silleda, adxudicadas por 136.080,87 euros. A través desta actuación, que está previsto que estea rematada nun prazo de tres meses, a Deputación de Pontevedra acondicionará a beirarrúa da estrada e renovará servizos.

Máis polo miúdo, a actuación consiste no acondicionamento da beirarrúa dereita dende o comezo da estrada ata o cruce previo ao parque existente nesa mesma marxe e da beirarrúa esquerda dende o comezo da estrada ata o PQ 0+210, con pavimento e bordo de granito. O ancho de beirarrúa será de 2,5 metros.

Amais tamén levarase a cabo a renovación de servizos como o abastecemento, electricidade, luz, telefonia, saneamento ou pluviais. Tamén reporase a capa de rodadura no treito entre o PQ 0+000 e 0+210.