Domingo, 4 Maio de 2025

A Cañiza leva hoxe a Pleno a ordenanza reguladora da venda ambulante no municipio

A Ordenanza respode ao compromiso adquirido polo Goberno local coa comisión de vendedores das feiras da Cañiza de manter as feiras antigas e crear unha nova

O Pleno da Corporación da Cañiza que se celebrará hoxe, aprobará, inicialmente, a Ordenanza que regulará o exercicio da venda ambulante no termo municipal de A Cañiza, establecendo a Feira Tradicional da Cañiza que seguirá celebrándose todos os días 6 e 20 de cada mes (coa particularidade de que cando cadre en festivo manterase a súa celebración) e a Nova Feira da Cañiza que se celebrará todos os últimos e antepenúltimos domingos de cada mes. Tamén regulará as Romaxes anuais das Pascuillas e da Natividade da Virxe da Franqueira.

Os recintos de venda ambulante serán as rúas Regueiro, Vilanova, Oriente, Carme, Antonio Facorro, Rosalía de Castro, Travesía do Mercado e Prazas de Arbo e Maior. As romaxes das Pascuillas e da Natividade desenvolveranse na Franqueira. O horario establecido para a venda ambulante será dende as 8:00 h ata as 15:00 h, no que se procederá á súa retirada.

Esta nova Ordenanza que derogará a anterior, é fruto do compromiso acadado o pasado 28 de agosto de 2020 entre o Alcalde e a Comisión de Vendedores da Feira da Cañiza, que nese día asinaron un documento calificado polo rexedor de ‘Histórico’ polo que se acordaba manter as Feiras dos días 6 e 20 de cada mes e incorporar e crear unha NOVA FEIRA que se celebrará o antepenúltimo e o último domingo de cada mes.

Segundo manifestaron daquela, “a continuidade da celebración das Feiras Tradicionais ten por finalidade garantir a nosa memoria histórica e os nosos usos e costumes que nos remonta a séculos pasados, no referente á celebración das feiras e mercados”.

“A ‘Nova Feira’ xurde coa finalidade de crear na Cañiza un novo  espazo comercial  e dar un servizo de fin de semana aos veciños e visitantes co obxectivo de crear un maior fluxo de xente e dinamismo no Pobo que impulse, fortalezca e fidelice o mercado local. Así aseguramos que alomenos dous domingos ao mes se celebre Mercado na localidade”. Celebrarase o penúltimo domingo de cada mes. Se o mes ten 4 domingos, celebrarase o segundo domingo e se o mes ten 5 domingos celebrarase o terceiro domingo. Celebrarase tamén o  último domingo de cada mes.