11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelNazaret López, «Formigas nos pés»

    Nazaret López, «Formigas nos pés»

    De Nazaret López tiñamos algunhas referencias abeiradas ao mundo da comunicación e do teatro, pero é a primeira vez que se adentra, publicamente cando menos, no eido da narrativa a través dunha novela, e faino para falarnos da reconstrución psicolóxica dunha muller que se ve desbordada por unha ruptura sentimental. A contracapa di que a novela é “un calidoscopio” e “unha radiografía dun sentimento” e, a pesar de que este tipo de concesións ao marketing non sempre son tan precisas como sería desexable, coido que nesta ocasión si representan plenamente o contido do relato.

    “Calidoscópica” porque estamos diante dunha novela fragmentada, estruturada a partir dunha morea de pequenos apuntamentos que nos va dando conta de todos e cada un dos pasos polos que a protagonista camiña, como digo, cara á súa propia reconstrución emocional. Unha especie de diapositivas que reflicten a súa situación en cada fase e que conseguen que vivamos o que ela vive. Iso implica luces e sombras, renuncias ás que facer fronte e feridas que cicatrizar para escapar dese foxo ao que a levou a ruptura. E todo iso significa penetrar nos sentimentos que empurran a protagonista en cada momento e que, en conxunto, conforman esa “radiografía dun sentimento” universal. Porque, no fondo, esta é unha novela sobre o amor e as súas (posibles) consecuencias.  

    Tamén é unha novela de mulleres. E non só porque a protagonista e maila autora o sexan, senón pola escasa presenza de homes nas súas páxinas (un “ex” case ausente, un fillo alonxado e pouco máis) e, sobre todo, polo arroupamento que implica un variopinto grupo de amigas nas que se apoia para saír adiante e volverlle a sorrir á vida. Non podemos considerala unha novela “feminista” porque non hai reivindicación do rol da muller nin ningún outro elemento que nos leve por esa vía, pero ese grupo de amigas, por momentos, chega a asumir un papel de secundario de luxo na narración, par con par da protagonista. A súa misión é a de guiala cara a esa luz de esperanza que, a pesar das dificultades do camiño, non deixa de brillar en ningún momento. Porque este é sen dúbida un dos acertos da autora: o feito de facernos pasear polas zonas máis escuras da psique da protagonista sen que nos vexamos afogados na tristura. A pesar dos moitos atrancos, a luz da esperanza sempre está aí, viva coma un facho no medio da néboa.

    Quero destacar tamén a linguaxe empregada pola autora. Porque se a novela ten, como dixemos, unha estructura moi fragmentaria, iso trasládase tamén á expresión: frases curtas e directas, ás veces incluso sen verbo, que fan da lectura algo áxil e dinámico. Moito intimismo, moita reflexión, moita memoria e moito remexer no interior da muller, son as liñas básicas do relato. Amais diso, Nazaret López emprega unha linguaxe delicada e concisa que nalgúns momentos poderiamos cualificar de lírica, deixando que a acción se intúa, máis ca explicitala. O resultado desborda beleza e sensibilidade por cada poro de cada liña escrita.

    Nazaret López

    Formigas nos pés

    Xerais